Carta aberta ao señor Franco Grande


Río Anllóns. Imaxe de Manusemo
Estimado Señor: 
O motivo que me leva á ousadía de escribirlle é a profunda dor que me producen as súas palabras, na discrepancia co seu amigo X. M. Beiras polo apoio á loita en contra do proxecto mineiro de Corcoesto, pola razón -entendo fundamentada- da mesma.
Nacín en Corcoesto, un fermoso leito entre dous vellos montes deses que suavemente ondean debuxando a paisaxe da comarca de Bergantiños, agora ameazada polo proxecto mineiro a ceo aberto que pretende levar a cabo unha multinacional con sede en Vancouver (Canadá, como vostede sabe). Polo momento vivo aquí -sonlle un dos centos de afectados máis inmediatos e un dos moitos milleiros de sensibilizados, ao igual que o señor Beiras- inmerso nunha terrible pero non quieta espera ao tempo que se producen moitos acontecementos, algúns manifestamente en favor desa inminente destrución, outros parece que incomodamente en contra, froito dunha incansable loita social na que me honra ter parte.
Motivada por esa gravidade do asunto á que vostede se refire, esta loita da que eu lle falo líbrase en guerra de múltiples batallas nos distintos eidos: social, económico, financeiro, científico, xurídico, político... en virtude dos cales hai argumentacións suficientemente serias para definir un posicionamento contrario a este proxecto, do que vostede tamén podería formar parte en perfecta coherencia cos valores que representa a súa fecunda colleita.
A pesar do seu grande impacto, os xacementos mineiros ou enerxéticos (xa que menciona o petróleo) abastecen demandas da sociedade actual que, agás a cobiza humana ou por culpa da mesma, poderían ser satisfeitas con fontes máis universais. A demanda do ouro está máis que satisfeita, pois debemos saber que a cuarta parte de todo o extraído ao longo da Historia atópase intacto nas caixas fortes da banca mundial colonialista, lonxe dos espoliados -non pobres- lugares de orixe. Só un 12% se utiliza en procesos industriais, o 88% restante queda a disposición da ostentación e outros valores artificiais que neste desgraciado momento que estamos a vivir acadan cotas supremas. Canto ouro hai en Corcoesto? Pois non se sabe, só hai constancia dun 22% do millón de onzas estimado pola empresa mineira, o resto é inferido. E canto ouro sería ese millón de onzas? 34 toneladas, volume que se non se afundise, podería ser carrexado nunha furgoneta para o Canadá.
Se as concesións mineiras de Corcoesto datan de principios de século XX (por tanto de cuestionable vixencia legal) a que vén este interese estratéxico urxente que deixa fronte a el á sociedade nunha situación de indefensión ameazando a nosa propia riqueza e saúde, polo tanto o noso futuro? Debe saber vostede que este proxecto “negóciase” como industrial estratéxico, non como proxecto mineiro, de maior complexidade para tal inmediatez de trámite. Para elo debe acollerse á nova Lei 13/2011 de 16 de decembro reguladora da política industrial, aparente “vía rápida”, pero chea de imperativos que tales proxectos deben cumprir. Cre vostede que esta mina suporá un "aumento" ou "consolidación" do tecido industrial galego e que a implantación territorial é estratéxica e coherente co medio nunha caduca existencia de 13 anos? Cre vostede que o emprego do cianuro é unha tecnoloxía innovadora? Debemos confiar nunha relación só numérica de
máis de 250 postos de traballo "ofertada" para a que non existe cualificación na nosa comarca? Pois estes son algúns requirimentos da devandita lei que deben ter resposta afirmativa. En Corcoesto sabemos que a resposta é "non" a todas estas preguntas. Igualmente pensamos que destruír unha superficie de 8 km cadrados dun total de 14 non é en virtude da nosa prosperidade.
Voaduras a razón de 5 por semana durante 10 anos, po, camións de grande tonelaxe abastecendo tres grandes muíños próximos aos lugares habitados… Non quero facerlle moito ruído cos datos, señor.
Despois disto, un legado que hipotecará as nosas xeracións futuras, cambiando a riqueza dos nosos montes que albergan as augas que nos dan a vida, por millóns de metros cúbicos de escombreiras, entulleiras, lagoas contaminadas... de centos de metros de profundidade, por non falar dun muro armado de máis dun quilómetro de longo e 60 m de altura no seo dun río que se desviará para logo bordear esa balsa de residuos cianurados enriba dunha falla sísmica. Aínda que se cubran cun disimulado velo herbáceo, coincidiremos en que no que nos queda de vida non nos acubillará unha tamén pretendida fraga sobre ese novo leito. Xa temos arsénico dabondo no Anllóns e no seu fermoso estuario, como ben avalan os estudos do CSIC - recoñecida autoridade mundial en rigor científico- para desexar agora verquidos superiores aos legalmente permitidos de metais pesados, aínda que parece que a DIA da Xunta de Galicia permite estas e moitas máis "licencias" deixadas á boa fe da Sociedade Limitada Mineira de Corcoesto, filial da empresa canadense que carece de seguro de Responsabilidade Civil para acometer o seu fin. Ou o noso… fin.
Quixera saber, si. En Corcoesto tamén quixéramos saber como vai afectar este proxecto á nosa realidade socioeconómica en perfecto equilibro co medio dende tempos remotos. Quen avalía os postos de traballo que se perden e os pasivos ambientais? Tamén quixéramos saber do noso patrimonio arqueolóxico, por se resulta escasa a riqueza paisaxística, en biodiversidade de flora e fauna, económica e vital que gardan os nosos montes. Cultura Castrexa, monumentos funerarios e megalitismo soterrados, vestixios das formas de vida Prehistórica e do culto ás augas e a fertilidade, etc. Sen embargo este proxecto non dá resposta a iso, así que non lle podo contestar, quizais dentro de 13 anos…
Corcoesto leva gravado na súa toponimia a súas orixes auríferas: o mesmo nome corco (pedra) esto(auga) ata semella un fatídico reclamo para os romanos que viñeron extraer o ouro que aquí relucía fai máis de dous milenios. A Canle segue sendo o lugar forxado polo "ruina montium", actuando a profundidades de 10-20m. Fonterremula, lugar que nos fala das fontes onde se embalsaba a auga que movendo aqueles amoreamentos de pedra -ou Picotos, lugar tamén de Corcoesto- coa súa forza arrasaban o noso monte ao seu paso. Hoxe en día, eses cantos rodados forman os valados que delimitan as nosas pequenas propiedades. Tamén temos un lugar Montefurado, polo momento.
O coñecemento desta realidade na recente visita que agradecemos ao seu amigo X. M. Beiras foi para min un brinde á racionalidade manifesta na súa oposición a este proxecto, en apoio á nosa loita da que forma dende hai tempo parte. Xa quixéramos que nos visitaran os responsables políticos que coa súa firma participarán da posta en marcha deste “plan de prosperidade” que nós non queremos. Cando os visitamos no Parlamento de todos, descoñecían tanto a nosa realidade como o seu proxecto estratéxico -que nós lles transmitimos-. E se é que non as teñen, poderían vir a tamén a escoitar as nosas alternativas sustentables que coa axuda do seu traballo proxectaríamos para o noso futuro.
Por suposto quixera brindarlle tamén a vostede a oportunidade de que veña coñecer de primeira man a nosa realidade e as pretensións deste proxecto culpable tamén deste ousado contacto pola miña parte, sen máis urxencia que a imposta polo carácter “estratéxico” do mesmo, para que poida responder ás cuestións que observei propoñía na súa carta ao amigo señor Beiras, e aquí lle transcribo:
“Paréceme dunha lixeireza sorprendente a oposición, sen apoio en ningunha fundamentación seria -como esixe a gravidade do asunto-, á explotación mineira de Corcoesto. ¿É malo que teñamos explotacións de minas de ouro? ¿Ou que aparecese petróleo? Eu non o sei. Pero, como moitos, quixera sabelo; isto é, por que si ou por que non. Pois non vexo unha mínima racionalidade construtiva na vosa oposición á brava.”
Como despedida, permítame unha última reflexión, sobre aquelo de que a miúdo se confunden valor e prezo. A falta dun valor intrínseco real, o ouro sempre terá un prezo determinado polos mercados. Eses mercados que queren gobernar as nosas vidas, determinan que a casa dunha familia de Corcoesto herdada dun pai, dun avó, xeración tras xeración, de incalculable valor, neste momento ten un prezo… nulo.
Sen outro particular, espero acolla ben estas miñas palabras dende o máis profundo do corazón.
Atentamente,
Fernando Marcelino Souto Verdes. Corcoesto. Cabana de Bergantiños

Comentarios

  1. Compartimos os seus sentimentos e razóns. Unha aperta.

    ResponderEliminar
  2. Pódese decir máis alto, pero non máis claro. Parabéns.

    ResponderEliminar
  3. Canta razón ten vostede. Algúns o valor das cousas midese en cartos, que pouco sabén da
    vida e por desgraza canto influen nela. Apertas.

    ResponderEliminar
  4. Grazas veciño, compañeiro. A nosa terra deféndese, ista carta si que non é unha lixeireza, nace dende o máis profundo da conciencia, so así se pode expresar tan ben unha realidade que ameaza a nosa parroquia con destrúila.

    ResponderEliminar
  5. Este comentario foi eliminado polo autor.

    ResponderEliminar
  6. Aínda queda xente de ben que razoa con fundamento.Adiante

    ResponderEliminar
  7. en Corcoesto non todo o mundo esta en contra,e ti que predicas tanto con que dentro de 10 anos non se vai poder plantar unha pataca, permiteme decir que nunca na vida plantaches unha, a ti Corcoesto non che importa nin o mais minimo o teu e todo politica, tamen que sepas que hai xente moi valida en con estudios e dunha vez se de verdad abre a mina, deberiamonos unir para traer cousas boas e non acribillarnos uns a outros

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Non é mala a argumentación, o de que nunca prantou patacas, mágoa que quede deslucida polo anonimato. De todos os xeitos os que nunca prantamos patacas poderemos dicir algo, nonsi?

      Eliminar
    2. e claro que si pero dende logo non das patacas nin agora nin dentro de 10 anos únicamente das patacas fritas de mamá. E coma eso máis...
      Aquí o único que se fai é sacar o pouco traballo que ai e levarllo ós arredores para que despois aquí nos quede solo e unicamente a mina ...
      E así estarían contentos estes políticos todos incluida a plataforma que é unha política máis...

      Eliminar
    3. Está simpático o comentario das patacas, pero aborrece por recurrido, igual que o do sacho e outras ferramentas.. ademais de fóra de contexto. A maiores, o anonimato por parte de quen o suscribe enténdoo como exitosa garantía de que é unha autoridade mínimo en dúas materias: Na colleita de patacas, e no afán por descalificar. É obvio que todos somos ignorantes, pero non todos ignoramos o mesmo, pois algúns descoñecen a actividade pataqueira (que defenden), pero outros descoñecen o proxecto mineiro (que apoian). O que parece que non é tan obvio, é que a defensa dun ben poida ser practicada por xente allea a ese ben, solidariamente, como manifestación dos propios valores. Ese principio categórico de que cada un ten que defender unica e exclusivamente o seu, non é universal, estará na túa escala de valores, entendo tan exitosa como este desafortunado intento descalificador. Haberá moita xente en Corcoesto que queira a mina? Habería que ver se a queren realmente coa información que desgraciadamente aínda hoxe non teñen, como semella o teu caso, pois non te vexo rebatir ningún argumento do contido da carta, que debería ser o motivo polo que te achegas aquí a este blog. Loitar contra a mina non é atacar a quen a defende. E ti, que defendes? Porque os que dende a súa escala de valores defenden unica e exclusivamente o traballo (propio) por enriba de todo, estarán informados de que a minaría a ceo aberto, precisamente crea de todo menos traballo... A rabia contida é moi delatadora, máis que a firma.

      Eliminar
    4. Completamente de acordo contigo Meli, hai que ser valente para emprender unha loita como esta e, sobretodo, para aturar según que cousas; mais eu aínda acredito na solidariedade e nos valores humanos por encima do proveito propio dun individuo.

      Eliminar
  8. Decir que lin a carta e dende logo impresionoume o ben que se escribe e a solidariedade dalunha xente ,ata parece que lle sae do corazón o que di nela, claro sempre aclarando que o que se di e co corazón e non por ningún tipo de interés nin político, nin económico e nada dicir de que sexa para darse a coñecer. Digo esto porque creo que o señor que escribiu a carta ainda non fai tanto tempo se lle preguntou de onde era e a súa resposta, para a miña decepción , foi que él era de Carballo , volvéronlle preguntar , e respondiu que alí nacera pero que para ser alguén ai que desplazarse que alí non ai futuro. Claro despois do que acabo de ler, tanto sentimento non me coincide. Cando lin a carta tamén me sorprendeu que falou en todo momento de Corcoesto e en nome de toda a xente de Corcoesto que parece según él que todos estamos en contra. Dicir que non é así. A MAIORÍA DE CORCOESTO ESTÁ A FAVOR. Do resto da xente aínda ai unha gran cantidade que está anónima (nin a favor nin en contra) e a parte restante que son moi poucos e se poderían ata nombrar en un ringlón están en contra. Para comprobalo non teñen vostedes máis ca ver nas manifestacións e reunións canta xente ai deste precioso lugar.
    Nombrouse na carta que non ai xente en Corcoesto cualificada para estes postos de traballo. E ten razón. A miña pregunta é. Especializaríanse vostedes nun campo de traballo que non ten saída aquí?. Ben pois non. Cando te especializas nun traballo e estudias é para encontrar un posto e ter unha saida. Canta xente hai agora disposta a facer uns cursos de preparación para traballar na minería? A miña resposta é moitas un 85% da poboación da costa da morte e porque? Pois porque agora si teñen unha oportunidade.
    Tamén vin que se comentan as voladuras como se fosen a tirar explosivos descontrolados. Pois eso calquera que entenda un pouquiño , un mínimo sabe que agora eso está moi controlado, e que si aparece ben especificado no proxeto, ai unhas cantidades e unha formas e unhas horas específicas pa facelo, e sempre controlado por persoal especializado.
    Con respeto a R.C da empresa eu creo que ningunha empresa cales queira q sexa ten obligación de ter un seguro de r.c. para daños causados o medio ambiente mentras non teña a maquinaria e a empresa en funcionamento porque se teño un seguro dunha moto pero non teño a moto dudosamente podo causar ningun dano con ese vehículo. Dentro da miña ignorancia e da de moitos de Corcoesto como se nos ven acusando digo. Estarei no certo ou non?
    Quero aclarar que tamén se nombra sempre que a empresa está aproveitando a crise e está ameazando cos postos de traballo para así comprar a xente. Eu digo ESO NON É CERTO. É mais se en realidade non temos traballo, pero si temos monte , temos casa, temos leira, temos corzos, temos coellos, temos auga etcétera, pero non temos traballo . De que vivimos? Como pagamos as nosas letras? A xente que ten fillos cómo os manda a escola? Cando teñamos que pagar luz, gas, e o seguro das maquinas que temos na casa a quen lle pedimos os cartos?
    Gustaríame saber se ai algunha solución para traballar aquí ou os arredores, se ai algún proxeto para crear postos de traballo(proxeto real , non fantasma) entón estudiaríase e poderíase obtar polo mellor.
    Decir a todo isto que me impresionou a carta pero como neste pobo humilde e transparente coñecemonos moito non fun capaz de creer que algunhas das cousas lle sairan do corazón con todos os meus respetos. Espero que non ofendan as miñas palabras e desexarlle o mellor tanto a plataforma como o pobo en si. Debería estar un pobo máis unido neste momento e loitar todos polo mellor. Toda aquela xente que traballa , toda a que non o fai e está en paro ou sen él , toda a que perde os sus montes (que pagan) toda a que ten explotacións, toda a que bebe a auga, toda a que mira pola fauna e pola flora e sempre deberíamos de facelo dende o respeto a cada un deles ainda ocupando o distinto lugar que ocupe. Moitas grazas.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. alguen que di verdades, si señor,os que mais falan da natureza son os mais gañans porque tanto falar de contaminacion e despois o veciño tira a bateria dun coche ou tractor o lado do contenedor do lixo, sabendo que eso e contaminante, pois empezade por dar exemplo

      Eliminar
    2. Non hai tal seguro de responsabilidade civil que vostede di. Se o houbese, xa o terían amosado, pois é unha das principais demandas das distintas asociacións que presentaron alegacións ao proxecto.

      Eliminar
    3. Deberias sair dese anonimato tan atrevido para acusacions infundadas,así tamén poderías acompañarme por Corcoesto a ver cal é a maíoria que está a favor,sen contar a que está comprada.Hai montes,e terras e gandería,si.Cada un elixe a vida que quere levar e as letras que quere pagar, e a mina non é unha elección libre para ninguén,pero o dano sí o pagamos todos.Que pagan os montes?A cuestión non é simplemente se os pagan ou nn,faltaría mais.Tampouco é canto o pagan,unha merda,unha estafa,é moito mais simple.as familias non queren quedar sen eles,e sen terras e van ser expropiadas,se queres lévote visitar unhas cuantas...xa podían pagar o ouro tamen.Se a solución do futuro para despois da mina pasan pola vida que levamos agora,a que ven destruila e envenenar o que temos,que ademais é noso?despois non serán,pero agora sí.hai moitísimas alternativas posibles a mina,pero por culpa dela están no aire.Por moitas letras pagadas e fillos na escola,se temos que marchar de Corcoesto por culpa da mina e volver empeñarnos,que solucion hai?

      Eliminar
    4. non tes falta de levarme por corcoesto que nacin ali e conozo perfectamente, e tamen non creo que haxa xente comprada como se di

      Eliminar
    5. Completamente de acordo contigo Roberto, se a xente nova non comprende a gravidade do asunto q é a q ten acceso a todo tipo de información (non só a manipulada), non sei o q nos queda!
      Apertas

      Eliminar
    6. ESTUDIO DE IMPACTO AMBIENTAL DEL PROYECTO DE
      EXPLOTACIÓN DE ORO EN LA MINA DE CORCOESTO
      (A CORUÑA) (pax 59)

      Los impactos que se consideran más significativos se relacionan a continuación:

      Negativos:
      Alteración en la geología y geomorfología del terreno.
      Alteración de la edafología.
      Alteración de esquema hidraúlico superficial y subterráneo.
      Destrucción de la vegetación.
      Desplazamiento de la fauna asociada a esta vegetación.
      Posible incidencia sobre la calidad de las aguas.
      Aumento del nivel de emisión de ruidos y polvo.
      Pérdida de elementos patrimoniales.

      Positivos:
      Creación de empleos directos e indirectos y obtención de un recurso mineral.
      Restauración e integración paisajística de zona de explotación, y cesión de la misma una vez finalizado el proceso de naturalización.

      POR TODO ELLO SE PUEDE AFIRMAR QUE EL IMPACTO QUE CAUSARÁ LA EXPLOTACIÓN ES COMPATIBLE CON EL NORMAL DESARROLLO DE LOS PROCESOS AMBIENTALES QUE EN SU ENTORNO SE PRODUCEN,SIEMPRE QUE SE TOMEN LAS MEDIDAS
      PREVENTIVAS NECESARIAS Y QUE SE APLIQUEN LAS MEDIDAS
      CORRECTORAS Y PROTECTORAS PERTINENTES.

      Eliminar
  9. Faltouche comentar que a moto xa a ten o que escribiu a carta e mais o veciño para ir dar as suas voltas o monte. Tamén che faltou dicir que ese que escribe a carta querese presentar polo bng de Cabana por eso ten tanto que dicir de Beiras e de aí o seu peloteo. Tamén che faltou dicir que o que escribiu a carta nunca estubo en Corcoesto nunca foi tomar un cafe o bar, nin os montes non sabía nin se tiñan madeira nin tampouco se había leña pa se quentar. Tamén che faltou dicir que non sei cal é o sua vocación en realidade (imaxe e sonido ou decoración , ou tamén político). MINA SIIIII. TRABALLO SIIII.

    ResponderEliminar
  10. Fermosa carta, toda a miña solidariedade, eu tamén dou a cara pola defensa do futuro de Corcoesto, Valenza, Cereo, río Anllóns, etc.

    ResponderEliminar
  11. Se teñen un proxecto no que se vai manexar diariamente unha tonelada e media de cianuro, estaría máis q ben q nese proxecto aparecesen uns cartos destinados a paliar calquera accidente que se produza con ese cianuro. Só por poñer un exemplo. Ou se se produce un accidente queres pagalo ti a medias comigo, como pasou co de Aznalcóllar?
    Respecto das explosións, dicir, para que nos fagamos unha idea, que os barrenos de cada unha das explosións grandes, postos un a continuación de outro, suman algo así como dous quilómetros. Alguén con dous dedos de frente pensa que as casas que están máis cerca non van sufrir graves consecuencias? Chupamos o dedo?
    Ademais, coas explosións prodúcese moitísimo po, e ese po vai ir parar a moitos quilómetros á redonda nos días de vento. Moitas das rochas onde está o ouro conteñen arsénico, un arsénico q estivo aí quieitiño onde o deixou mamá natureza dende hai séculos. Un arsénico que, ao andar revirando nel, vai ir co po, vai chegar a Cabana, a Ponteceso...
    Unha imaxe di máis q mil palabras. Esta é de po do Sáhara chegando ás nosas costas. http://es.paperblog.com/imagen-satelite-nube-de-polvo-del-sahara-sobre-el-atlantico-516234/
    Imaxinade o que pode pasar co arsénico, esa substancia canceríxena por inhalación.
    Entendo que a xente precisa traballo. Temos que envelenar toda unha comarca para darlle traballo a 271 persoas, q moitas delas non van ser de aquí?
    E despois, cando a mina acabe, de que van traballar esas persoas? Se despois van ter q buscar unha alternativa nunha comarca q vai quedar moito máis depauperada do que estaba...por que non empezar a buscar solucións agora, antes do desastre? Por que non buscar alternativas a esta desfeita?

    ResponderEliminar
  12. Entón a canteira de Lopez cao en ponteceso cando produce voladuras , que chegan a Corcoesto?
    porque alí ben pretiño está unha casa na ladeira da canteira e que se sepa habitada. Se tan cancerixeno e o arsénico ese que dis , pa dentro de 10 anos xa morremos todos e non nos fai falta o traballo, e que eu sepa o 80% da poboación actual está morrendo por esta enfermidade(desgraciadamente) cal é a mina que levou a conducir estas mortes? que se sepa ainda non abriu. Non esaxeremos tanto e por certo dicir que o aceite , as baterías dos coches, o barniz e a basura que se verte descontrolada en moitos lugares tamen contamina e tamén vai para o anllons . Alguén mira eso? Tamén dicir que as granxas e as súas verteduras descontroladas tamen van para o Anllóns, alguen mira eso?
    Unha pregunta Nela, se eses 271 postos de traballo que ti consideras que non valen a pena non os houbera nin outros tantos, nin outros tantos, ti poderias seguir tendo o teu posto de traballo? Porque se non cotizara ninguen non habería fondos públicos e a ti o mellor cambiabache a túa maneira de pensar o igual que lle ocurriría a moitos dos que prefiren uns pinos a un traballo. Ai que de cando en vez meditar e pensar no futuro de todos non so de alguns que non todo o mundo ten postos de traballo publicos e costa moito chegar a fin de mes.Eu entendo que ai que respetar o medio natural e esixir que se respete, pero todos temos que vivir , e todas as cousas teñen un lado bo e un lado malo e non podemos cerrar os ollos a ningun deles pero si chegar a un termino medio.

    ResponderEliminar
  13. eu pregunto, porque sempre sacades nas reportaxes, videos e demais a xente que está en contra???? que pasa que os que estamos a favor non contamos ou non vos interesa que salgamos? o rio Anllons fai anos que esta contaminado e non é pola mina senon pola merda que se verte nel sin control ou solo o rio pasa por Corcoesto.

    ResponderEliminar
  14. Moi bo escrito, moito ánimo para seguir adiante!! O máis importante é defender os dereitos que temos como cidadáns a vivir nun entorno non pexudicial para o desenvolvemento da nosa propia vida, é tanto pedir?? penso que non, que non haxa traballo é absolutamente negativo para todos mais penso que é infinitamente peor non ter donde prantar algo para subsistir. Despois, podémonos ir pegar uns baños relaxantes á balsa de cianuro que nos vai quedar de regalo, supoño que non nos cobraran entrada nn??

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. ai non sei eu faríao, porque dende logo da maneira que falades non teriades cara a despois irvos bañar alí digo eu , ainda que fora gratis? Bueno o mellor con un bo baño e un chupito de cianuro...

      Eliminar
    2. Falando de ter cara, eu non publico nada como anónimo.
      E dito isto só me vou limitar a poñer neste blog a miña opinión (q previamente me informei en todas as fotes ás que teño acceso, para que fose o máis obxectiva posíbel) e a loitar para que isto non vaia a diante, non por caprichoe egoísmo, senón por xustiza social e natura.
      Pola miña parte cero interese por opinións non fundamentadas por xente que non dá a cara e máis esforzo e traballo para parar a mina.

      Eliminar
  15. Anónimo número nonseicantos: que compares a canteira de López Cao coas explosións da mina dá unha idea do pouco q coñeces do proxecto. As explosións previstas no proxecto de Corcoesto multiplican por moitas veces as de López Cao, e se non o cres pódesllo preguntar directamente a eles, colles a estrada de Anllóns, tiras para a canteira e pregúntalle canto usan de barreno en cada explosión. Na mina está previsto usar arredor de dous quilómetros de barreno CADA VEZ.
    En todo caso, infórmoche de que a canteira que mencionas SI AFECTA ÁS VIVENDAS COLINDANTES. Dígocho como habitante q fun durante moitos anos dunha delas, próxima ao colexio público de Ponteceso. A nosa casa estaba chea de fendas, e ás veces coas explosións retemblaba todo. Agora multiplica iso por cen...casiná!!
    NOn digo que 271 postos de traballo non valgan a pena. Digo que, se para montar 271 postos de traballo (no "mellor" dos casos, q está sen demostrar) durante 10 anos hai q destruír todo o entorno, igual a ganancia non é moita, non? Que tamén hai xente q vive da natureza, por se non te enteraras...
    O da toxicidade do arsénico tesllo q preguntar aos especialistas da OMS. Eu limítome a ler e sacar as miñas conclusións, e procuro ler fontes rigorosas e ben informadas.
    En todo caso, tanto das voaduras como do arsénico, estaría interesante ter un debate público, diante dos medios, entre a xente que se opón e a empresa mineira.
    Pero o caso é que nós propuxémosllo aos da empresa hai cousa de tres meses...e non aceptaron. POR QUE SERÁ?

    ResponderEliminar
  16. cada un ten o dereito de opinar a favor ou encomtra,eu digo que se da empleo pero jode por outro lado pois non sei eu xa,gustariame saber cantos estarian contentos de ter a casa a 30m coma o señor ese ,tamen decirlle os anonimos que poñan o nome

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. pa que queres que se poña o nome dos anonimos?? pa ir contra a familia como fixechedes co que escribiu a sua opinion na voz de galicia, que xa puxechedes o facebook da filla e muller, que pasa que non tedes argumentos abondo sin ter que metervos no privado de cada un??? normalmente o que mais fala é o que mais ten que calar.certamente tamen se pode cambiar a mina por proxectos gandeiros e agricolas pero sabedes cal é o problema deso??? que todos os que estades en contra jodevos baixar o lombo e que vos salgan callos nas mans

      Eliminar
    2. Non imos contra a familia: simplemente respondemos a unha manipulación mediática en toda regra.
      Mira, ti escribes aquí porque desde a Plataforma cremos na liberdade de expresión (non como outros, q só cren na liberdade de manipulación). Se non, con darlle a un clic, simplemente non se poden publicar comentarios anónimos e punto, xa está, como pasa en moitos outros blogues.
      Nós pensamos, sen embargo, q é bo q todo o mundo dea a súa opinión, desde o respecto, claro.
      Metémonos no privado do señor Franco? Non, enviámoslle mensaxes informativas desde o seu facebook, pq o ten en aberto. Penso q ningunha desas mensaxes contiña insultos nin ofensas, só explicacións e argumentos. Igual non todo o mundo pode dicir o mesmo...
      Agora, a min, si, gustaríame q quen comenta aquí puxese o seu nome, igual q eu (e o resto das persoas q o fixeron) puxen o meu cando lle escribín ao señor Franco.
      Se non o poñedes, supoño q é pq vos dá vergoña defender o que defendedes.
      Eu enténdoo. Porque é para avergoñarse, querer destruír o q é de tod@s a cambio dun beneficio privado e por pouco tempo.

      Eliminar
    3. Nela, non paga a pena que contestes. O máis importante non e que o "troll" (máis clariño: o tocacollóns) oculte a súa identidade. O primeiro "problema" é que defenda a súa posición pro mina sen falar da mina.
      Pero hai outro detalliño que convén non esquecer: Coido que non hai que vetar os anónimos, pero non entendo que unha páxina que foi aberta e que é mantida e traballada para denunciar os prexuicios que ten o proxecto mineiro teña que difundir mesaxes (anónimos ou non) de persoas ou grupos que, en contas de crear e traballar eles o seu altofalante, adícanse a perverter a conversa dos que están a defender as súas posicións con seu traballo e de xeito racional.
      Este blog NON É UN MEDIO DE COMUNICACIÓN, é unha iniciativa lexítima e de parte.
      Na miña opinión é un erro caer na inxenuidade de ser "nós" os que facilitamos a difusión das teses que defenden o interés privado na contra do colectivo.
      Ser democrático non impón a obriga de ceder o teu espazo, o teu traballo e a túa páxina aos que defenden opinións contrarias.
      Que constrúan e traballen eles o seu propio medio de expresión!

      Eliminar
    4. Félix, eu creo q eles mesmos se poñen en evidencia coa súa actitude, coas súas formas, co seu xeito de esconderse detrás dun "Anónimo". E creo q está ben q se poñan en evidencia, tamén permite ver a todo o mundo como é unha xente e como é outra...
      De entrada, e mentres non supoña un problema (penso q son febres q logo remiten), non imos pechar a porta aos comentarios.
      Grazas pola túa achega ao debate!

      Eliminar
    5. Nela, sabes ben que critico a vosa "actitude de comprensión" desde o respecto que merece o voso traballo. Hai febres cas que na miña opinión compre ter tolerancia cero.
      Por que será que o egoísmo e a irracionalidade viaxan da man?
      Unha aperta grande.

      Eliminar
  17. Para defender e loitar por unha causa non fai falta traballar diretamente nela, senón sentilo e crelo de verdade. Para facer unha casa precisamos dun arquitecto anque nunca puxera un ladrillo, para medir unha finca un perito anque nunca collera un fouciño, para asistir a unha vaca un veterinario anque nunca se sentara nun tallo para muxila, etc. Estou dacordo que en Corcoesto hai xente válida anque non esté especializada na minaría porque non tiña saída, senón tiña saída non lle demos entrada, porque despóis, ou durante a explotación sí haberá máis dunha SAÍDA. Joder!! hai xente que ten as súas vivendas a 30 m. Cánta xente deste precioso lugar se verá afectada pola mina?. A nosa posición non é un capricho nin algo tomado á lixeireza, é algo real, algo moi traballado e consesuado con xente entendida na materia e que espero, polo ben de todos, que nunca nos teñades que dar a razón. Só pido que ante de tirarse de cabeza á lagoa se comprobe cánto fondo ten, digo para non escachala.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Deixa aquí os teus datos para apoiar o manifesto.

Publicacións populares deste blog

Fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a favor do acceso á documentación