Fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a favor do acceso á documentación
O Tribunal Superior de Xustiza de
Galicia vén de darlle a razón a un compañeiro da Plataforma de
Corcoesto en relación ao seu dereito de acceso á documentación
relacionada coas concesións do proxecto mineiro de Corcoesto.
Durante a loita contra o proxecto de
Corcoesto, un dos temas que nos preocupaba era o da posible caducidade
das concesións. Entre os activistas da Plataforma de Corcoesto tiñamos
a convicción de que as concesións mineiras non estaban vixentes,
algo que invalidaría o proxecto. A finais de 2012, un compañeiro da
Plataforma solicitou acceso á documentación relativa a ditas
concesións, coa intención de comprobar se as nosas sospeitas tiñan
base. Ao non serlle facilitada esta documentación, interpuxo unha
demanda en relación ao tema.
Por fin, e despois de máis de cinco
anos, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de fallar a
favor do compañeiro que realizou esa solicitude.
Na sentencia, na que se recoñece sen
ningún xénero de dúbida o dereito do compañeiro a acceder á
documentación solicitada, condénase expresamente á Administración
demandada (a Xefatura Territorial de Enerxía e Minas de A Coruña) a
expedir e entregar copias dos documentos relacionados co estado das
concesións. Estamos á expectativa de que a Xefatura Territorial
cumpra coa súa obriga, e actúe tal e como se lle indica no fallo do
Tribunal, entregando as copias da documentación solicitada.
A sentencia recoñece así o que, ao
igual que o compañeiro que puxo a demanda, vimos defendendo e
reclamando desde hai tempo desde a nosa Plataforma: que o dereito de
acceso aos expedientes administrativos que garden relación cun
proxecto que poida afectar a una comunidade é aplicable a calquera
persoa, aínda que se trate de expedientes rematados.
É lamentable que esta sentencia
chegue con tantos anos de retardo. Esta tardanza na aplicación da
xustiza fai que nos vexamos, de feito e paradoxalmente, privados dese
mesmo dereito que se nos recoñece na sentenza. Porque...de que nos
serve o dereito de acceder a documentos relacionados con un proxecto
se se nos concede cinco anos despois da súa solicitude? De que nos
tería servido que se nos recoñecese agora o dereito a acceder a esa
información, mesmo aínda que as concesións non estivesen vixentes,
tal como nos pensamos, se o proxecto de Corcoesto estivese xa en
marcha?
O feito de que a posibilidade de
acceder á información relativa ao estado das concesións se teña
producido tantos anos despois, despois de todo tipo de atrancos por
parte da administración, suscítanos algún interrogante. Que levou
á administración a ocultar o estado das concesións durante tanto
tempo? Cal foi o motivo para que a Xefatura Territorial de Enerxía e
Minas de A Coruña puxese tanto empeño en obstaculizar o noso acceso
a esta información concreta?
Acaso as concesións, tal como nós
pensábamos, non estaban vixentes, e a Xefatura Territorial era
consciente das consecuencias que tería o feito de que esta
información transcendese á información pública?
Agardamos que o fallo se cumpra e
poidamos coñecer a resposta a estes interrogantes, resposta que
temos a certeza que será do interese de moita xente en Galiza.
Asemade, esperamos que este
precedente legal serva de acicate para que a Administración non
volva reter información que debe ser pública, e que en caso de
facelo, a fiscalía anticorrupción tome as oportunas medidas para
depurar as responsabilidades que puidese haber.
Comentarios
Publicar un comentario
Deixa aquí os teus datos para apoiar o manifesto.