Proxecto estratéxico. 1. A importancia tecnolóxica.

Bolsas con pastillas de cianuro atopadas nunha mina de Jujuy

O proxecto mineiro de Corcoesto saíu a exposición pública ao abeiro da Lei 13/2011, do 16 de decembro, reguladora da política industrial de Galicia.
Segundo esta lei (que foi publicada no DOG, mira ti o que son as casualidades, moi pouco antes de que o proxecto mineiro saíse a exposición pública), aqueles proxectos que obteñan a consideración de estratéxicos obterán certos beneficios. Entre eles:
  • A non suxeición á licenza urbanística municipal.
  • A declaración de utilidade pública e de interese social do proxecto industrial estratéxico, así como a necesidade e a urxencia da ocupación dos bens e dos dereitos afectados dos que o solicitante da declaración teña a condición de beneficiario da expropiación.
  • A declaración de urxencia ou de excepcional interese público para os efectos previstos nesta lei.
  • A declaración de prevalencia sobre outras utilidades públicas.
  • A concesión de forma directa de subvencións de acordo co disposto na lexislación de subvencións.
  • A imposición ou a ampliación de servidume de paso para vías de acceso, liñas de transporte e distribución de enerxía e canalizacións de líquidos ou gases, nos casos en que sexa necesario, de conformidade coa normativa que as regule.
Todo son vantaxes. Así é como hai que portarse cos amigos, claro que si!
Pero...que é exactamente o que este proxecto ten de estratéxico para o noso país?
Desde o punto de vista dos intereses de Galicia, non vemos que ten de estratéxico un proxecto que non proporciona enerxía, nin recursos que vaian quedar no noso país, nin impulsa a actividade industrial galega...
E desde o punto de vista legal?
Que criterios se recollen na lei para que un proxecto sexa declarado estratéxico? Leamos:
  1. Serán considerados proxectos industriais estratéxicos aquelas propostas de investimento para a implantación ou a ampliación dunha ou de varias instalacións industriais que teñan como resultado previsible unha expansión significativa do tecido industrial galego ou a consolidación deste.
  2. Para efectos da declaración dunha proposta de investimento como proxecto industrial estratéxico e para determinar a súa incidencia significativa no tecido industrial galego ou o grao de consolidación deste, terase en conta:
            a) A súa importancia tecnolóxica.
Analizaremos hoxe este apartado a), deixando para unha próxima entrada o outro requisito que a lei contempla para a declaración de estratéxico.
O proxecto prevé utilizar, tal e como xa se divulgou desde os medios nos últimos meses, a tecnoloxía coñecida como lixiviación do ouro por medio de cianuro. Descoñecemos cal pode ser para os nosos gobernantes a importancia tecnolóxica dun sistema xa obsoleto e que entraña enormes riscos, tal e como o testemuñan os numerosos -e gravísimos- que accidentes que ata o momento se teñen producido co uso desta “importante tecnoloxía”.
Trátase dun método, de feito, que foi xa prohibido en varios países. 
O propio Parlamento Europeo, na súa Resolución P7_TA(2010)0145 de 5 de maio de 2010, sobre a prohibición xeral do uso das tecnoloxías mineiras a base de cianuro na Unión Europea, recomenda a tódolos países da Unión o abandono desta tecnoloxía.
Nese documento, aprobado de xeito maioritario pola cámara europea (488 votos a favor, 57 abstencións e 48 votos en contra ), pídese á Comisión europea 
 “que propoña a prohibición completa do uso das tecnoloxías mineiras a base de cianuro na Unión Europea antes de finais de 2011, posto que é a única forma segura de protexer os nosos recursos hídricos e ecosistemas da contaminación por cianuro procedente das actividades mineiras”.
Pídese ademais, na citada resolución,
“á Comisión e aos Estados membros que non presten apoio, de forma directa ou indirecta, a ningún proxecto mineiro na UE no que se empreguen tecnoloxías mineiras a base de cianuro, ata que sexa aplicable a prohibición xeral, nin respalden proxectos desas características en terceiros países”; 
 e recóllese que  
“en varios Estados membros da UE seguen planeándose novos proxectos de grandes minas de ouro a ceo aberto con tecnoloxías a base de cianuro e en zonas densamente poboadas, xerándose así novas ameazas potenciais para a saúde humana e o medio ambiente”
Estas recomendacións, ignoradas no proxecto de Edgewater, achegan serias dúbidas sobre a “importancia tecnolóxica” de dito proxecto, xa que a tecnoloxía que utiliza é considerada altamente perigosa para o medio ambiente e o ser humano.
Ademais, no Anexo VIII da Directiva marco sobre política de augas, o cianuro (base da tecnoloxía proposta neste proxecto) está clasificado como un dos principais contaminantes e afírmase que pode ter un impacto catastrófico e irreversible na saúde humana e o medio ambiente e, polo tanto, na diversidade biolóxica. Parece difícil, pois, falar de adaptación do proxecto ao medio ambiente.
Como o vedes? Nós pensamos que este primeiro criterio establecido pola Lei para que un proxecto sexa declarado estratéxico, o da importancia tecnolóxica, neste caso non só non se cumpre senón que está moi lonxe de algo parecido a cumprilo.
Pensamos, por tanto, que, en boa lei, este proxecto non debe acadar a declaración de estratéxico nin ningunha das vantaxes que desa declaración se derivan.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Carta aberta ao señor Franco Grande

Visto bo ambiental da Consellería de Infraestruturas