Roteiro por Corcoesto, na zona afectada polo proxecto mineiro
O día estaba nubrado pero a
temperatura era moi agradable, perfecta para a realización da
andaina. A ruta estaba organizada pola sociedade de montaña Ártabros
da Coruña, esta comezaba ás 10 da mañá na carballeira de Sta.
Mariña e o número de participantes chegaban as 200 persoas.
O obxectivo desta andaina era poder
comprobar "in situ" a desfeita que provocaría a actividade
mineira de levarse a cabo. Os participantes puideron comprobar onde
ían furar os buratos de ata 500m de diámetro e 300 m de
profundidade, a lagoa artificial e a balsa de cianuración onde
depositarían 800.00 Tm de tóxicos procedentes do proceso de
lixiviación.
Ao paso polo lugar de Baralláns
púidose comprobar a proximidade deste lugar a planta de tratamento
(30m) e a balsa de lodos (200 m), esta planta albergaría tres muíños
de moenda traballando as 24h do día durante os 365 días do ano e na
mesma faríase o proceso de lixiviación utilizando diariamente 1.5tm
de Cianuro. A balsa de lodos albergaría 17 millóns de toneladas de
entullos e ocupa unha superficie duns 650.000 m2, vivir neste lugar
sería totalmente incompatible con toda esta actividade, pero á
Xunta de Galicia e á troika do Anllóns composta polos
Alcaldes de Cabana, Ponteceso e Coristanco, as persoas non lles
importamos nada, só miran para os intereses de Mineira de Corcoesto,
chiringuito filial de filiais ata chegar á matriz Barrick Gold
multinacional Canadense.
Na subida ata o Petón de Perrol, o
monte máis alto da Comarca de Bergantiños cun total de 438m sobre o
nivel do mar, púidose comprobar toda a magnitude da desfeita que
provocaría esta actividade, nada máis e nada menos que 700 ha de
monte arborado no seu 90%, os prados e o río Lourido.
Baixando dende Perrol ata Aldemunde
atravesábamos entre carballos e castiñeiros toda a balsa de lodos
durante 1 km de largo ata o punto onde construirían o muro de
contención desta balsa, este muro chegaría acadar unha altura de
65m de altura coma un edificio de 20 plantas e 1 km de largo. De
volta ata a carballeira de Sta. Mariña non podíamos imaxinar a
magnitude da escombreira sur, 1´8 millóns de m2 albergando 122
millóns de tm de escombros. Todo o que puidemos ver durante o
percorrido, pinos, carballos, castaños, fontes, rios,
prados...desaparecería para sempre, todas as árbores serían
arracadas de raíz, as fontes e os ríos ficarían para sempre.
O son que puidemos escoitar dos
paxaros, das ras nas charqueiras, o son da auga procedente do río
Lourido e das fontes, o ruxir do vento no monte transformaríase en
ruídos das explosións, maquinaria pesada e dos grandes muíños de
moenda traballando todos os días as 24h.
Ninguén podía comprender o porqué de
tanta destrución, que é o que pode pasar pola mente dos políticos
para apoiar e aprobar esta barbarie destrutiva da nosa nai natureza,
porque para eles ten máis valor o ouro ca auga, ca saúde dos
veciños, coa actividade económica ligada a terra etc. etc.
Comentarios
Publicar un comentario
Deixa aquí os teus datos para apoiar o manifesto.