A CIG aproba unha resolución sobre a megaminaría en Galiza no seu VI Congreso

Imaxe do VI Congreso da CIG, onde se aprobou esta Resolución


O sindicato CIG, no seu VI Congreso, vén de aprobar a seguinte resolución sobre a megaminaría:


RESOLUCIÓN DO VI CONGRESO DA CIG SOBRE A MEGAMINARÍA NA GALIZA.


A Xunta de Galiza e o Partido Popular tentan converter ao noso país nunha grande mina, vendendo ou mellor dito regalando o mesmo ás empresas transnacionais mineiras, para transformar radicalmente o noso territorio e convertelo nunha mina a ceo aberto.
Tanto a Xunta como o Goberno do Estado, introduciron cambios lexislativos nos últimos tempos dirixidos a quitar todo tipo de traba á explotación da terra como fornecedora de recursos para empresas privadas: a Lei do Solo ou a de Costas, o plano acuícola, a construción de parques eólicos, ou as Directrices de Ordenación do Territorio estarían nesta liña. E este tipo de explotación só é posible matando primeiro ao medio rural e botando á xente que o habita para que a Xunta poida cederllo ás grandes empresas extractivas. Estes proxectos  non afectan só a algunhas parroquias e comarcas, afectan a toda Galiza, introducen un modelo depredador do noso medio rural e do noso futuro semellante á  explotación colonial que sufriron no pasado e na actualidade América Latina e África. O colonialismo depredador e destrutor vaise asentar no noso país senón somos quen de paralo .
Plan Sectorial de Actividades Extractivas da Xunta é esclarecedor, pois permite a instalación de proxectos extractivos e contaminantes en todo o territorio galego —un total de 520 licencias a maiores das que xa están activas—, e autoriza a explotación mineira en espazos até o de agora protexidos polo seu valor ecolóxico ou agrario. Mesmo se fala de dotar de lexitimidade actividades extractivas que non cumpren sequera a lexislación. Están en trámite licenzas mineiras en todo o territorio galego e en espazos protexidos como A Fonsagrada, Santa Comba, Zas, a Serra do Galiñeiro, Ordes, a Terra Chá, Cartelle, Castrelo de Miño, Compostela, as Fragas do Eume,.........
Particularmente salientábel é o caso da mina de “ouro” a ceo aberto de Corcoesto, o primeiro que a Xunta tenta de declaralo como “ Proxecto industrial estratéxico” e que estase a converter no referente nacional da loita de resistencia contra os plans da Xunta e o capitalismo transnacional depredador.
O VI Congreso chama a artellar a resistencia popular contra estes plans, a defender ao noso país deste futuro de espolio e destrución. Neste senso   anima a toda a cidadanía galega a participar masivamente na manifestación do 2 de Xuño en Compostela para facer entrar en razón á Xunta de Galicia e deter o espolio do noso territorio que está a piques de ser perpetrado por unhas poucas empresas, na case totalidade delas estranxeiras.
Compostela 25 de Maio de 2013
 

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Carta aberta ao señor Franco Grande

Visto bo ambiental da Consellería de Infraestruturas