Industria e Enerxía denega información pública das concesións mineiras
O director xeral de Industria, Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces. Imaxe de Praza Pública |
A Xunta de Galicia continúa ao
ditado da empresa canadense Edgewater na tramitación da mina de Ouro de
Corcoesto.
O
Director Xeral de industria enerxía e minas denega información pública das
concesións mineiras de Corcoesto porque así o pide Edgewater.
A Plataforma pola Defensa de Corcoesto denuncia unha vez máis a conivencia
entre a Xunta de Galicia e a empresa mineira de Corcoesto na tramitación -chea
de irregularidades- deste proxecto para a explotación dunha mina de ouro a ceo
aberto, que afecta aos Concellos de Cabana, Ponteceso e Coristanco.
Se antes foi a Dirección Xeral de Conservación da Natureza a que rectificou
as súas esixencias ante un escrito do xerente de Edgewater, no que pedía que
non se lle obrigase á empresa a facer públicos os datos sobre os niveis de
vertidos de metais pesados na fase da explotación mineira, agora sóubose que Ángel
Bernardo Tahoces, o director xeral de industria, enerxía e minas, non facilita a
información solicitada sobre as concesións mineiras Emilita, Ciudad de Landró e
Ciudad de Masma, porque así o pide a empresa.
Entre os motivos alegados polo director xeral para non facilitar a
información solicitada, sinálase que “Ademais,
o 17 de xullo de 2012 a sociedade titular dos dereitos mineiros presentou
escrito no que se solicita que se denegue a D. ...... a solicitude de obtención
de copia de documentos ou toma de vista de aqueles expedientes da empresa que
non estean en trámite de información pública...”.
Este feito é unha proba clara da conivencia entre a empresa e a Xunta de
Galicia que semellan ser a mesma cousa, e incluso, como queda acreditado neste
caso, traballan man a man na custodia dos arquivos públicos. Á vista do
acontecido, a Plataforma pola Defensa de Corcoesto considera insólito e
contrario a dereito que a Xunta lle dea traslado á empresa mineira da
solicitude feita por un administrado sobre datos que obran en arquivos custodiados
pola propia Xunta, e que son de acceso público para calquera cidadán da Unión
Europea.
Este dereito de acceso aos arquivos e rexistros públicos está expresamente
recoñecido no artigo 37 da lei 30/1992 de réxime xurídico das administracións
públicas e do procedemento administrativo común, e non esixe nin sequera a
condición de interesado no expediente, como si ocorría neste caso.
A Plataforma pola Defensa de Corcoesto, ante a negativa reiterada da Xunta
e a empresa mineira a facilitar eses datos, dubida da vixencia das concesións
Emilita que data do ano 1912, e Ciudad de Landró e Ciudad de Masma que datan do
ano 1926. Estas concesións mineiras necesariamente tiveron que ser obxecto dun
tratamento especial ou ter solicitada e prorrogada a súa vixencia. En caso
contrario estarían caducadas o que imposibilitaría levar a cabo o proxecto
mineiro.
Comentarios
Publicar un comentario
Deixa aquí os teus datos para apoiar o manifesto.