A Universidade de Vigo non apoia o proxecto mineiro de Corcoesto
Universidade de Vigo. Imaxe de Septem Trionis |
A Universidade de Vigo non
apoia o proxecto mineiro de Corcoesto.
Advirte
de que resolverá o convenio subscrito coa empresa mineira se esta utiliza a
sinatura do mesmo para xustificar o proxecto.
A Universidade de Vigo vén de comunicar á Plataforma pola Defensa de
Corcoesto que en ningún momento dou o seu apoio institucional ao proxecto para
a explotación da mina de ouro a ceo aberto, que afecta aos concellos de Cabana
de Bergantiños, Coristanco e Ponteceso.
Esta comunicación prodúcese despois de que a empresa mineira canadense
Edgewater, fixera pública a sinatura dun convenio de colaboración coa citada
universidade e o trasladara aos medios de comunicación como si se tratara do
respaldo institucional explícito da Universidade de Vigo a un proxecto que
conta cunha forte oposición social, non só na contorna, senón tamén en toda
Galicia e especialmente dentro da comunidade investigadora e universitaria.
Agora a Universidade de Vigo aclara que a empresa mineira contratoulle por
medio dun convenio marco de colaboración, a elaboración dun informe para
avanzar nas medidas protectoras e correctoras establecidas na Declaración de
Impacto Ambiental, recentemente aprobada pola Xunta de Galicia. Sinala a
Universidade que o convenio foi impulsado por un grupo de investigación do
Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e do Medio Ambiente a petición
da empresa mineira, e que foi subscrito dentro da liberdade de investigación
recollida pola lei orgánica de universidades, pero que en ningún caso ese
contrato de I+D implica un apoio institucional da Universidade de Vigo ao
proxecto. Nesta mesma liña, persoal investigador da universidade deu soporte a
posicionamentos que se apartan dos mantidos pola empresa mineira.
Por último, a universidade remata sinalando que “se nalgún momento a empresa Mineira de Corcoesto, S.L.U. utiliza a sinatura
do convenio para xustificar a explotación mineira procederase á denuncia do mesmo.”.
Este comunicado da Universidade de Vigo pon de manifesto a estratexia de
manipulación informativa que vén desenvolvendo a empresa mineira desde o inicio
da tramitación do proxecto. Para a Plataforma pola Defensa de Corcoesto estes
contratos que a empresa está a subscribir coas universidades galegas -o último
coa Universidade da Coruña- denota ás claras a intención da empresa de “vender”
á sociedade Galega, que o proxecto mineiro conta co apoio das universidades,
cando o que ocorre é todo o contrario.
Comentarios
Publicar un comentario
Deixa aquí os teus datos para apoiar o manifesto.