Engano colectivo aos parados de Bergantiños
Os postos de traballo, unha arma de engano masivo. Imaxe de arribalasqueluchan |
Mineira de Corcoesto contratou á ETT Adecco para
“perpetrar un engano colectivo” aos parados da comarca de Bergantiños.
A empresa mineira pretende
cambiar a percepción social do proxecto mineiro creando “falsas expectativas
laborais”, ao tempo que está a despedir aos empregados actuais.
A Plataforma
pola Defensa de Corcoesto alerta de que a empresa mineira Canadense,
aproveitándose da actual crise económica e do elevado nivel de desemprego,
contratou a unha empresa de traballo temporal para crear unhas falsas expectativas
laborais na comarca, que nada teñen que ver coa realidade do proxecto.
Este modo de
proceder constitúe un engano masivo á poboación desempregada dos Concellos de
Cabana de Bergantiños, Coristanco e Ponteceso, para tratar de cambiar a percepción
social do proxecto mineiro nun momento en que está a medrar de xeito continuado
a oposición social ao mesmo, non só na comarca senón en toda Galicia.
Segundo a
Plataforma, a recollida de curriculums que realiza Adecco non é máis ca unha
farsa, tal e como se demostra polo feito de que a empresa xa comunicara publicamente
que dispoñía, xunto con Concello de Cabana, de máis de 1.400 curriculums. Agora,
coa contratación desta ETT, a empresa mineira quere obrigar aos desempregados
da contorna a entregar novamente o curriculum, burlándose así da necesidade da
xente.
Por outra banda,
resulta sorprendente que desde a empresa mineira e de Adecco se fale de que o
oitenta por cento dos 271 postos de traballo estean reservados a persoas sen
formación, cando segundo o proxecto sometido a exposición publica é todo o
contrario. Ademais, no proxecto indícase que unicamente 138 dos 271 postos de
traballo son de persoal propio e os restantes 133 son persoal de subcontratas,
polo que resulta insólito, por falso, que a empresa mineira de Corcoesto poida seleccionar
a través de Adecco ao persoal das subcontratas.
Outro dato que
abunda no engano colectivo é o feito de que nestas semanas está a despedir aos
traballadores actuais por non ter actividade nin visos de tela a curto prazo,
ao non existiren garantías de que a Xunta de Galicia vaia a aprobar o proxecto
por terse tramitado con multitude de erros que serían causa de nulidade do
procedemento administrativo.
Comentarios
Publicar un comentario
Deixa aquí os teus datos para apoiar o manifesto.