venres, 26 de xullo de 2013

O ALCALDE DE CABANA DEBERÍA VELAR POLA SAÚDE DOS VECIÑOS

A Plataforma Pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños esixe ao Alcalde de Cabana que faga o seu traballo e que vele pola saúde dos veciños.
Desde o ano 2011 está consentindo que varios veciños de Corcoesto consuman auga contaminada con arsénico.
A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños esixe ao Alcalde de Cabana que en lugar de traballar para a empresa mineira, acudir a Bruselas coma un directivo máis da empresa, e de ir facer o ridículo á concentración convocada por esta fronte ao Parlamento galego, se dedique a facer o seu traballo como Alcalde dos veciños de Cabana.
Neste sentido recórdanlle ao Sr. José Muiño que algúns veciños de Corcoesto están bebendo auga contaminada con arsénico co seu coñecemento desde o ano 2011, concretamente das fontes de “as labradas”, “augalavada” e “augalavada 1”, que presentan uns niveis de arsénico segundo información que figura no control preoperacional de augas superficiais de Corcoesto, elaborado por Applus Norcontrol para a empresa mineira de 13,42, 83,06 e 14,87 ug/litro respectivamente, mentres que o límite para consumo humano é de 10 ug/litro. Acúsano de ocultar esa información á poboación afectada, consentido o seu consumo cos graves riscos que comporta para a saúde humana, pois trátase dun elemento altamente canceríxeno con outros múltiples efectos sobre a saúde.
Recórdanlle que a lei de bases de réxime local establece no seu artigo 25 que entre as súas competencias están as de abastecemento de auga aos núcleos de poboación e a de velar pola salubridade pública, competencias que parece descoñecer o Sr Alcalde pois como xa se indicou, desde o ano 2011 ten coñecemento de que varios mananciais de Corcoesto dos que se abastecen os veciños para consumo, están contaminadas con arsénico, pero non tomou ningunha decisión encamiñada a advertir dos riscos nin facilitarlle un subministro alternativo, incluso con cisternas de auga potable, como si teñen feito outros alcaldes en casos semellantes, como por exemplo o de Vila de Cruces.
Por último advírtenlle de que o seu proceder podería ser constitutivo dun presunto delito continuado contra a saúde pública co agravante de autoridade o que levaría consigo a inhabilitación especial para cargo ou emprego público.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Deixa aquí os teus datos para apoiar o manifesto.