Denuncia dos veciños por delito continuado contra o medio ambiente

As asociacións de veciños de Cereo, Corcoesto e Valenza presentaron no xulgado unha denuncia conxunta, asinada por 249 persoas, contra a empresa mineira por un presunto delito continuado contra o medio ambiente.

  • A denuncia tamén se dirixe contra o Concello de Coristanco, Augas de Galicia, Consellería de Economía e Industria e a Consellería de Medio Ambiente.
  • 77 vivendas quedaron sen auga como consecuencia dos traballos realizados ilegalmente por Mineira de Corcoesto.

As asociacións de veciños de Cereo, de Corcoesto e de Valenza, veñen de presentar unha denuncia conxunta no Xulgado de Carballo contra a empresa Mineira de Corcoesto, S.L., contra a súa subcontrata, Terratec Geotecnia y Sondeos, S.L., e tamén contra o Concello de Coristanco, Augas de Galicia, Consellería de Medio Ambiente e a Consellería de Economía e Industria, por un presunto delito continuado contra o medio ambiente.
A denuncia baséase na realización por parte da empresa mineira de Corcoesto, a través da subcontrata Terratec Geotecnia, de sondeos de exploración mineira e xeotécnicos nas cuadrículas mineiras que configuran o permiso de investigación Julia 2 e Julia 3, que se atopan en tramitación na actualidade. A empresa mineira non dispoñía, por tanto, de autorización administrativa para a realización deses traballos que se desenvolveron sen ningún tipo de control medioambiental en zona de dominio público hidráulico, co consentimento das administracións sinaladas.
Ademais do anterior, a empresa mineira tampouco dispón de autorización de Augas de Galicia para captación de auga do río Lourido, para o seu uso na  realización dos sondeos xeotécnicos necesarios para o cálculo da estabilidade das balsas de cianuración e lixiviación, que están fora do ámbito das actuais concesións mineiras de Corcoesto.
Como consecuencia deses traballos, setenta e sete vivendas da parroquia de Cereo quedaron sen abastecemento de auga para consumo humano, debido aos danos causados pola empresa mineira e a súa subcontrata, aos acuíferos soterrados que abastecían o manancial do Regueiro. Estes danos non foron reparados por parte da empresa, que non amosou interese algún en atender as reclamacións dos veciños afectados. Por este motivo, acoden agora á vía xudicial para facer valer os seus dereitos.
Por todo o anterior, solicitan ao xulgado que instrúa a denuncia presentada e que se condene ás empresas, e tamén ás administracións, pola pasividade e inactividade destas últimas ante estes feitos. Solicitan ademais que se proceda á reposición inmediata do abastecemento de auga e á indemnización aos propietarios das vivendas afectadas polos danos e prexuízos ocasionados.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a favor do acceso á documentación