martes, 16 de xullo de 2013

Feijoo vele polos intereses de Galicia e non polos de Canadá


A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, critica a visita do embaixador de Canadá Jon Allen a Galicia para actuar como lobby mineiro xusto no momento en que a Xunta decide paralizar o proxecto de Corcoesto, por non cumprir os mínimos requisitos técnicos, económicos e ambientais.

Para a plataforma non é de recibo que a mina de Corcoesto se poida empregar como moeda de cambio por investimentos ou colaboracións no eido naval, téxtil ou “curiosamente” no eido forestal, cando o que se pretende e arrasar con máis de setecentas hectáreas desta superficie de alta capacidade produtiva no Concello de Cabana de Bergantiños, segundo recoñece a propia lei de montes de Galicia. Segundo a Plataforma “O estreitamento de lazos comerciais non pode levar consigo a venda do noso territorio, non somos un país terceiromundista, os galegos non o imos consentir.”

Fonte da imaxen: El pais http://ccaa.elpais.com/ccaa/2013/07/15/galicia/1373911985_451516.html


Recórdanlle a Feijoo que a súa actitude con respecto a este proxecto destrutivo e contaminante é vergoñenta, como tamén o é, o feito de recibir ao embaixador canadense acompañado do conselleiro de economía e industria e o de medio ambiente para renderlle pleitesía e para darlle explicacións sobre a paralización da mina de ouro de Corcoesto, someténdose así, ao ditado e aos intereses da empresa mineira representados nesta ocasión por Jon Allen.

A Plataforma esíxelle a Feijoo que se comporte coma un Presidente digno dun país como Galicia, que defenda a súa terra e os seus intereses, e que se esqueza dos “cantos de serea” de Edgewater. Recórdanlle tamén que 20.000 galegos xa se manifestaron en Santiago en contra dos proxectos mineiros coma o de Corcoesto e que non van consentir que se entregue a nosa terra a intereses multinacionais a cambio de un pouco de pan para hoxe e miseria para o futuro, aderezada, coma no caso de Corcoesto, con dezasete millóns de toneladas de residuos contaminantes, que comprometerán o futuro de toda a comarca por centos de anos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Deixa aquí os teus datos para apoiar o manifesto.