A política e o ouro
![]() |
Cheo na conferencia de Carmen Varela. Imaxe de Contramínate |
Asistín en Carballo a unha palestra da Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños. As condicións eran, para min que viña de fóra, as peores que podían darse para que alí se xuntase xente: quinta-feira de Semana Santa, cunha arroiada que nos facía medrar as branquias e todo para escoitar unha conferencia académica dunha doutora universitaria en Ciencias Químicas sobre o emprego do cianuro na futura explotación colonial, e criminal, do ouro nesa zona de Bergantiños.
A verdade é que non se
cabía e un non daba creto, centos de persoas enchían as cadeiras do Pazo da
cultura, sentaban nos corredores ou escoitaban de pe apoiadas na parede ou nas
portas da sala, sumadas ás que non deron entrado. Viñeran de Carballo pero
tamén de Cabana, de Coristanco, de Ponteceso... En canto á conferencia de Carme
Varela, ela mesma da parroquia afectada de Cereo, a súa exposición foi clara,
científica e fulminante na desmontaxe dos embustes da empresa e das autoridades
cómplices na Xunta e nos concellos gobernados polo PP.
A pantalla encheuse de
mapas e topónimos entre os que eu vía o lugar dos meus avós, onde nacera miña
nai, o Ramallón de Valenza de Coristanco, e Lestón, onde aínda viven o tío
Manolo e a tía Carme: a carón da súa casa vai quedar o xigantesco cráter e vai
pasar o río Lourido despois de ser desviado. E todo íso adobiado co espolio de
terras e patrimonio, toneladas de cianuro, de arsénico, de ácido clorídrico e metais
pesados. As fórmulas químicas analizaron o proceso de extracción paso por paso
e demostraron por que esta operación industrial tería unhas consecuencias
peores que as que na Transición levaron ás loitas de Castrelo, Baldaio, As
Encrobas ou Xove, unha salvaxada para a paisaxe, a flora, a fauna, mais tamén
para as actividades agrícolas, gandeiras e pesqueiras e para a saúde de
milleiros de persoas en toda a Costa da Morte.
O público escoitou
entre o abraio e o respecto e o debate que seguiu foi activo e emocionante, coa
participación dos veciños e veciñas de cada un dos lugares retroalimentando a
mobilización e o comforto mutuo, reforzando a dignidade colectiva e a
necesidade de parar a desfeita que os seus gobernantes traidores e ignorantes
cualifican como proxecto estratéxico, mesmo encubrindo os seus propios informes
negativos e subvencionando aos especuladores que veñen abertamente a
arruinarnos e a arramblar co noso ouro sen dar nada a cambio.
O acto fora organizado
pola Plataforma veciñal, que leva máis dun ano alertando da que vén e baténdose
en todas as frontes para evitala. Un saiu de alí co corazón encollido e cheo de
forza, de argumentos e de amor pola terra que o viu nacer e pola súa xente. Iso
é a Política de verdade e non as leas de pouca monta entre o BNG e Anova.
Xurxo Borrazás
Despois dunha chea e charlas informativas non se entende o silencio de periodistas, políticos, presidentes de institucións culturais, cofradías e gremios que non veñen a escoitar, non participan nestes foros . A que oscuras razóns ou intereses responden estas ausencias?
ResponderEliminarHai que manifestarse porque é de traidores e de cobardes agachar a cabeza debaixo das ás ante unha situación de perigo
cari camarero