Xornadas "As diferentes vías de acaparamento de terra na Galiza"

Onte finalizaron as xornadas "As diferentes vías de acaparamento de terra na Galiza", promovidas pola eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGE), Lídia Senra, e que contou no Parlamento Europeo en Bruxelas ca participación de 55 persoas representantes de distintos colectivos e organizacións que loitan pola defensa do noso territorio.
 
Momento das Xornadas

Nelas levouse a cabo unha exposición das problemáticas e metodoloxías de artellamento de loitas vinculadas á resistencia contra os proxectos mineiros, na que interviñeron:
  • Francisco García Trigo en representación da nosa Plataforma, falando da loita contra a empresa canadiense Edgewater  en Corcoesto, que pretendía sacar adiante unha mina de ouro a ceo aberto que afectaría directamente a tres parroquias: Corcoesto (Concello de Cabana) Valenza e Cereo (Concello de Coristanco).Cunha poboación total directamente afectada duns 1000 veciños, polo que esta actividade medioambientalmente inviable afectaría a un entorno fortemente humanizado. A mina destruiría un total de 800 Ha de monte arborado, chegando a profundidades de 300 m, coa conseguinte alteración da capa freática e posible desaparición de tódalas fontes de auga das que se abastece ata o 80% da veciñanza. O proxecto, que pretendía empregar  1,5 Tm diarias de cianuro de sodio, xeraría ademais residuos que se contabilizan por millóns de Tm, das que 17 millóns serían residuos contaminantes, e 800 mil Tm deles lodos contaminados con cianuro.
  • Marga Prieto, da Comisión contra as Minas da Terra Cha, explicou o proxecto que, dende hai 8 anos, ameaza a 5700 Ha da Terra Cha, para extracción de cuarzo, comprometendo unha actividade agrogandeira que historicamente permitiu saír adiante a miles de familias, que é sostible e durable no tempo, con centos de persoas mozas que están facendo cursos de formación e realizando proxectos de incorporación á actividade agraria e gandeira, totalmente comprometidas por unha actividade extractiva moi limitada no tempo. Destacou a falta de participación pública, e a importancia da organización veciñal dende o principio para parar ata hoxe o proxecto,  e tamén o salto que se deu na loita contra a minería en Galiza  cando os colectivos afectados de moitas zonas de Galiza se poñen en contacto e se articulan na Rede ContraMINAcción.
  • Violeta Núñez, en nome da Asociación Socio-Cultural O Iríbio de Triacastela, que deu conta do grave conflito social xerado pola empresa Cementos Cosmos, situada con total impunidade nos espazos naturais protexidos que forman parte da Rede Natura 2000 - no LIC Ancares-Courel-, no tramo do Camiño de Santiago que foi declarado Primeiro Itinerario Cultural Europeo pola Unión Europea e Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, e sobre o xacemento arqueolóxico da Cova de Eirós. Violeta subliñou outra agresión non menos importante: o acaparamento de terras e os efectos na agricultura que implica esta explotación mineira Na área acaparada por esta empresa ubícanse as casas de máis de 200 persoas que poderían ser expulsadas en calquera momento, e existen máis de 50 explotacións gandeiras tradicionais, principalmente de gando bovino.
  • Dende SOS Caurel, Orlando Álvarez, que denunciou "a proliferación indiscriminada de canteiras e proxectos de canteiras por todo o espazo natural e a súa contorna inmediata, a plantación indiscriminada de miles de hectáreas de monocultivos de especies forestais pirófitas, resinosas e alóctonas, destruíndo especies e hábitats e propios". Mais O Caurel tamén está ameazado por grandes infraestruturas,  "a construción de estradas en Rede Natura 2000, sen a correspondente avaliación ambiental ou cunha deficiente avaliación ambiental".
  •  Beatriz Fervenza, da Plataforma Cidadá contra a Autovía de Redondela, que se centrou na construción de 2 viais da A- 57 e da A- 59, que  suporía a convivencia de 3 viais de alta velocidade en menos de 10 Km de radio. Dende esta plataforma demandan a paralización destes proxectos, en prol dun transporte público de calidade, e "a descentralización dos servizos,  acercándoos á cidadanía, o que tería un custo económico  menor e sería máis sostible dende o punto de vista medioambiental, ademais de reducir considerablemente os problemas de tráfico"
  •  Claudio Quintillán, da Organización Galega de Mancomunidades de Montes, que lembrou na súa intervención  que "os montes comunais son indivisibeis, inembargabeis, inalienabeis e imprescriptibeis, e pertencen aos veciños e veciñas habitantes dunha parroquia ou lugar". Quintillán subliñou que, "aos problemas que xa  había ata o de agora, temos que engadirlle os xerados polas liñas eléctricas, gasodutos, antenas de comunicación, canteiras, explotacións forestais, eólicos, polígonos industriais, autoestradas, tren de alta velocidade, ocupacións por parte da administración...Ademais, "os poderes políticos  modifican ou aproban novas normativas como a actual Lei de Montes de Galiza, o Decreto sobre Minaría, favorecen os denominados "cultivos enerxéticos, etc.".
  •   No nome das comuneiras e comuneiros de Monte Cabral interveu Antonio Carrera, que deu conta da forte presión urbanística á que están sometidos os montes das parroquias limítrofes ca cidade de Vigo. A día de hoxe enfróntanse á tentativa de arrebatarlles as terras para construír un centro comercial, "pero logramos que un 90% das comuneiras e comuneiros votaran e parouse", contou. "Sen embargo, ao día seguinte o alcalde de Vigo saíu na prensa dicindo que seguía adiante co proxecto." Respecto a Porto Cabral, Carrera di que está latente ata que pasen as eleccións municipais. "A nosa idea é que Cabral, como pasa noutras zonas da costa, sexa un modelo de parroquia semirrural, cun pé na cidade pero acordándose do campo e tratando de dar un servizo medioambiental á cidade", reivindicou.
  • Pola asociación "Salvemos A Fracha", que naceu da unión dun grupo de veciños e veciñas contra o proxecto A57 -un novo corredor na provincia de Pontevedra-, paralelo á  autoestrada AP-9,  falou María Blanca Barrio, quen sinalou que "o tramo que se está a licitar, despois de máis de cinco modificacións do trazado, perde o seu sentido orixinal (que era o de circunvalar a cidade de Pontevedra) e conleva serios defectos de funcionalidade e de forma." Aliás, resaltou, "está proxectado case nun continuo talude, que non só rompe o monte mendioambiental e paixasisticamente, senón que afecta aos usos de esparcemento e lecer que a veciñanza da comarca fai del, a máis de separar as parroquias de Vilaboa, Figueirido, Bértola, Tomeza e Marcón do seu monte comunal ó dificultar o uso das vías naturais e de comunicación e servizo apoderándose dunha gran parte do monte."
  • Da acaparación dos montes para a construción de parques eólicos falou Mariano Pazos. "Na zona da Baña e Santa Comba estase instalando un parque eólico, na parroquia de Cabanas, monstros de cen metros de alto que, ademais, contaminan dende o mesmo momento da súa instalación, xa que os postes están feitos con resinas derivadas do petróleo, ao que hai que engadirlle a contaminación de terras e augas polo verquido de grandes cantidades de formigón". Pazos destacou tamén que, ao igual que adoita pasar para a construción doutro tipo de grandes proxectos, "fano todo ás caladas, van negociando casa por casa dicíndonos que ao outro veciño vanlle pagar menos, e buscan que non esteamos unidos".
  • Dende a Comarca da Limia, José Manuel García, denunciou a acción destrutiva do sistema de embalses de purín da empresa Coren, que "supón a destrución dos sistemas agrarios locais da Limia, Coren arrasou cunha comarca fundamentalmente agrícola e gandeira, inundándoa cas balsas de purín derivadas das súas macrogranxas de polos e porcos. Na actualidade, a maioría das terras da Limia están sendo empregadas para absorber o purín das balsas de Coren." García sinalou tamén que "malia a que é a propia empresa a que lle di á xente que tecnoloxía teñen que empregar e logo cando teñen problemas co purín dinlles que o solucionen eles."
  • Por parte do Sindicato Labrego Galego, a súa Secretaria Xeral, Isabel Vilalba, destacou que vivimos "un proceso xeneralizado no que se pretende poñer en mans do Capital e da industria todo tipo de bens", e criticou "a nivel galego e europeo hai un desprezo total pola terra, polos sistemas agrarios tradicionais, polos nosos empregos e medios de vida." Salientou que na Galiza temos tan só un 24% de superficie agraria útil, unha das medias máis baixas de toda a UE.  A Secretaria Xeral do SLG incidiu tamén en como publicamente arguméntase sempre os postos de traballo que supostamente conlevarían certo tipo de proxectos nocivos para a terra e o territorio, nembargantes, nunca se pon en valor o feito de que en actividades agrarias e gandeiras "hai máis de 122.000 empregos recoñecidos no Plan de Desenvolvemento Rural de Galiza, e iso que óbviase por completo o autoconsumo e outro tipo de actividade vinculada á agricultura e gandaría que xeran beneficio económico para a poboación".  
  • Dende Alternativa Galega de Esquerda, o deputado Antón Sánchez debullou algunhas das modificacións lexislativas que o Partido Popular está a promover nestes momentos na Galiza chamando a atención no feito de que "a lexislación aprobada e en vías de aprobación nesta lexislatura ten como obxectivo fundamental facilitar a entrada á explotación de recursos dentro do solo rústico", a día de hoxe o 90% do solo galego. "E, completamentariamente, están lexislando tamén para eliminar a capacidade da cidadanía para decidir sobre a terra." En relación ás explotacións mineiras, sinalou tamén que estase a modificar a lei "para legalizar todas as existentes e dar entrada a novas explotacións mineiras na Rede Natura."
  • A eurodeputada de AGE Lídia Senra, promotora destas xornadas de denuncia do acaparamento de terras na Galiza, valorounas "moi positivamente", xa que "permitiron poñer en contacto persoas que loitan contra inimigos comúns ao longo de todo o país e, deste xeito, reforzar a unidade entre todas e todos nós." Por outra banda, denunciou novamente que "as avaliacións de impacto medioambiental, tal e como se están a facer agora, son unha coladeira" e reivindicou a necesidade de que a Comisión faga valer esta ferramenta con seriedade, "ten que deseñar instrumentos para verificar que están facendo os gobernos correspondentes en cada momento cando dan unha avaliación por boa".

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a favor do acceso á documentación