Mineira de Corcoesto deixa sen auga a veciños de Coristanco realizando sondaxes sen autorización

A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños vén de presentar unha nova denuncia na Demarcación Territorial de Galicia Norte de Augas de Galicia, en relación ás sondaxes que a empresa mineira está a realizar no ámbito das concesións Julia 2 e Julia 3, que afectan de cheo ao Concello de Coristanco.
Neste caso, os veciños detectaron unha forte diminución do caudal da fonte do Regueiro, que abastece de auga para consumo humano, animal e de rega de fincas a máis 70 vivendas da parroquia de Cereo (Coristanco). Este manantial é propiedade dos veciños e acuden regularmente a controlar que todo se atope correcto, por isto os veciños coñecen con moita precisión o caudal que debería de ter a fonte por esta época do ano.  
Ao achegarse ao manancial, os veciños descubriron dúas calicatas e dúas sondaxes realizadas pola empresa mineira a través da subcontrata TERRATEC GEOTECNICA Y SONDEOS, S.L. Estas sondaxes foron realizadas a escasos metros do manancial, polo que alteraron os acuíferos soterrados que o abastecían.
Foto tapa e numeración dunha das sondaxes atopadas nas inmediacións do manantial

Unha vez comprobada a situación das mesmas por medio de coordenadas, descubriuse que estes traballos foron realizados no ámbito da concesión Julia 3, cuxo permiso de investigación está en trámite de aprobación por parte da Xunta de Galicia. Segundo ten recoñecido a empresa mineira, trátase de estudos xeotécnicos para verificar a estabilidade das balsas do proxecto mineiro de Corcoesto que albergarán máis de dezasete millóns de toneladas de residuos de lixiviación cianurados.
No entanto, para os veciños estes traballos estanse realizando sen autorización de Augas de Galicia e en consecuencia solicitan que se proceda á sanción inmediata da empresa Mineira de Corcoesto e da empresa subcontratada por esta. Solicitan tamén a paralización inmediata das sondaxes por non estaren amparadas por ningunha autorización administrativa, e por tanto, por non cumpriren cos requirimentos ambientais esixidos, por alteraren a capa freática e por poñer en perigo os acuíferos e mananciais existentes.
Igualmente solicitan que por parte da empresa mineira, se proceda a repoñer de xeito inmediato o manancial e a restablecer o subministro aos núcleos de poboación afectados.

Comentarios

  1. Onte, 26 de xuño, saiu na Voz de Galicia un manifiesto da Junta de Gobierno da Escola de Ingenieros de Minas.
    Non ten desperdicio. Poderiades publicalo?, para dende esta fplataforma, darlle resposta.
    Ten moita miga, e precisa que esta xente de estudios tan superiores e que van de LOSABEMOSTODO se lle vaixen os fumes

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Deixa aquí os teus datos para apoiar o manifesto.

Publicacións populares deste blog

Fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a favor do acceso á documentación