Roteiro por Corcoesto, na zona afectada polo proxecto mineiro

 
O roteiro, ao seu paso por Aldemunde

O día estaba nubrado pero a temperatura era moi agradable, perfecta para a realización da andaina. A ruta estaba organizada pola sociedade de montaña Ártabros da Coruña, esta comezaba ás 10 da mañá na carballeira de Sta. Mariña e o número de participantes chegaban as 200 persoas.
O obxectivo desta andaina era poder comprobar "in situ" a desfeita que provocaría a actividade mineira de levarse a cabo. Os participantes puideron comprobar onde ían furar os buratos de ata 500m de diámetro e 300 m de profundidade, a lagoa artificial e a balsa de cianuración onde depositarían 800.00 Tm de tóxicos procedentes do proceso de lixiviación.
Ao paso polo lugar de Baralláns púidose comprobar a proximidade deste lugar a planta de tratamento (30m) e a balsa de lodos (200 m), esta planta albergaría tres muíños de moenda traballando as 24h do día durante os 365 días do ano e na mesma faríase o proceso de lixiviación utilizando diariamente 1.5tm de Cianuro. A balsa de lodos albergaría 17 millóns de toneladas de entullos e ocupa unha superficie duns 650.000 m2, vivir neste lugar sería totalmente incompatible con toda esta actividade, pero á Xunta de Galicia e á troika do Anllóns composta polos Alcaldes de Cabana, Ponteceso e Coristanco, as persoas non lles importamos nada, só miran para os intereses de Mineira de Corcoesto, chiringuito filial de filiais ata chegar á matriz Barrick Gold multinacional Canadense.
Na subida ata o Petón de Perrol, o monte máis alto da Comarca de Bergantiños cun total de 438m sobre o nivel do mar, púidose comprobar toda a magnitude da desfeita que provocaría esta actividade, nada máis e nada menos que 700 ha de monte arborado no seu 90%, os prados e o río Lourido.
Baixando dende Perrol ata Aldemunde atravesábamos entre carballos e castiñeiros toda a balsa de lodos durante 1 km de largo ata o punto onde construirían o muro de contención desta balsa, este muro chegaría acadar unha altura de 65m de altura coma un edificio de 20 plantas e 1 km de largo. De volta ata a carballeira de Sta. Mariña non podíamos imaxinar a magnitude da escombreira sur, 1´8 millóns de m2 albergando 122 millóns de tm de escombros. Todo o que puidemos ver durante o percorrido, pinos, carballos, castaños, fontes, rios, prados...desaparecería para sempre, todas as árbores serían arracadas de raíz, as fontes e os ríos ficarían para sempre.
O son que puidemos escoitar dos paxaros, das ras nas charqueiras, o son da auga procedente do río Lourido e das fontes, o ruxir do vento no monte transformaríase en ruídos das explosións, maquinaria pesada e dos grandes muíños de moenda traballando todos os días as 24h.
Ninguén podía comprender o porqué de tanta destrución, que é o que pode pasar pola mente dos políticos para apoiar e aprobar esta barbarie destrutiva da nosa nai natureza, porque para eles ten máis valor o ouro ca auga, ca saúde dos veciños, coa actividade económica ligada a terra etc. etc.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a favor do acceso á documentación