domingo, 5 de maio de 2013

A Plataforma envía dossier con irregularidades á Defensora del Pueblo




A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños remite á Defensora del Pueblo un completo dossier coas irregularidades na tramitación da mina de ouro.
Ø  Alerta de que os elevados niveis de arsénico na zona son consecuencia das antigas labores mineiras.
Ø  O proxecto mineiro contempla novos vertidos de Arsénico ao medio por enriba do límite permitido pola lexislación.

A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños vén de remitir á Soledad Becerril un completo dossier con información acreditativa das moitas irregularidades cometidas pola Xunta de Galicia na tramitación do expediente para a autorización do proxecto de mina de ouro a ceo aberto, e desminte á Consellería de Medio Ambiente, Infraestrutras e Territorio sobre a procedencia do arsénico.
No dossier alértase á defensora de que os elevados niveis de arsénico non só se atopan no río Anllóns, tal e como acredita o estudo científico da Universidade de Vigo e do CSIC, senón tamén en mananciais que abastecen para consumo humano e animal á parroquia de Corcoesto. Esta información, que consta no propio Estudo de Impacto Ambiental elaborado pola empresa, foi posta polos veciños en coñecemento das autoridades sanitarias da Xunta, sen que estas adoptasen ningunha medida tendente a solucionar o grave problema de saúde pública que se está a producir, xa que se trata de un elemento químico altamente canceríxeno.
Neste senso, a Plataforma denuncia que hai mananciais que rexistran niveis de arsénico de 118,77 microgramos litro cando o límite está en 10 microgramos para consumo humano e en 50 microgramos para o medio receptor, e que ante esta grave situación, o órgano responsable da saúde pública mira para outro lado obviando as súas responsabilidades. Pero, por se estes niveis foran pouco, o proxecto mineiro prevé verter ao medio receptor 77 microgramos litro a maiores, comprometendo así a saúde dos veciños e contaminando o río Anllóns e a ría de Corme e Laxe por centos de anos.
Por outra banda,a Plataforma desminte o informe remitido pola Consellería de Infraestruturas, Territorio e Medio Ambiente á Defensora del Pueblo, no que sinala que os niveis de arsénico na área de Corcoesto non son consecuencia das antigas labores mineiras, senón da litoloxía da zona. Para apoiar a tese de que o arsénico é causa directa da antiga explotación de ouro, a Plataforma remítese ao artigo científico da Universidade de Vigo e do CSIC e aporta a maiores unha Tese Doutoral da Universidade de Santiago, que en relación ao Arsénico e ao Chumbo no río Anllóns, sinala “Estos elementos se acumularon en los sedimentos de fondo como consecuencia de la removilización de las venas piríticas de la cuenca durante las épocas de extracción de oro. Las actividades mineras han producido, principalmente, un importante incremento del contenido de As en los sedimentos en la zona de Corcoesto, extendiéndose esta contaminación hasta la línea de costa, unos 15 Km más abajo.
Ademais do anterior, a Plataforma remite á Defensora información detallada das irregularidades cometidas pola Xunta na tramitación do procedemento administrativo, como é a ausencia no trámite de información pública de elementos esenciais que son causa de nulidade absoluta e radical do mesmo, tales como a memoria do proxecto industrial estratéxico, a relación de bens e dereitos afectados, e a falta de notificación aos interesados, entre outros.
No tocante ao Estudo de Impacto Ambiental, tamén denuncia que este foi sometido a exposición pública sen estar conformado de acordo co establecido pola lexislación de avaliación ambiental, cuestión que xa foi posta de manifesto polo Valedor do Pobo de Galicia ante a Consellería de Economía e Industria á que mesmo advirte de que avalíe as consecuencias xurídicas de aprobar así o proxecto mineiro de Corcoesto.

Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE)
A Plataforma tamén tivo coñecemento de que a Dirección Xeral de Minas, en aras a tratar de arranxar unha nefasta tramitación do procedemento, está recabando de novo informes sobre o proxecto de outras Consellerías e de outros órganos da Xunta como o IGAPE, neste último caso para que avalíe a viabilidade económica do mesmo.
Ante esta situación, a Plataforma vén de remitir un escrito ao Director Xeral do IGAPE con documentación técnica que pon en dúbida a viabilidade económica do proxecto e pídelle que faga un informe serio e rigoroso no se que contemple tamén o custo de oportunidade do mesmo, medido en termos da riqueza que se destruiría nas actividades agrícolas, gandeiras, de pesca e marisqueo, no caso de que fose autorizado.

1 comentario:

  1. Creo que les interesa:
    http://ex-voz.blogspot.com.es/2013/05/la-voz-de-galicia-sa-reconoce-graves.html

    ResponderEliminar

Deixa aquí os teus datos para apoiar o manifesto.