A mina de Corcoesto e os ingresos fiscais municipais
![]() |
Cos impostos, xogo limpo. Fonte da imaxe |
Son un galego de Monforte de Lemos residente en Xixón. Sigo con sumo
interese todo o proceso sobre o proxecto mineiro de Corcoesto. Aínda que
considero que existen razóns suficientes para oporme, non son dos que lles
gusta entrar nunha suposta guerra de “bos” e “malos” optando polos argumentos
duns e rexeitando os dos outros, senón que prefiro informarme e valorar, do
mesmo modo, os documentos elaborados por todo tipo de expertos,
independentemente da súa opinión particular, e valorando os aspectos positivos
e negativos que calquera proxecto económico ten sobre o territorio, a
poboación, formas de vida e as consecuencias futuras das actividades económicas
a desenvolver.
Considero, ademais, que a toma de decisións da poboación afectada
debería facerse en condicións de “xogo limpo” (quizá sexa utópico!), e a
publicidade enganosa non debería presentarse como información contrastada. Non
se pode pretender vendernos un proxecto mineiro como se fose unha loción contra
a calvicie ou un método para adelgazar comendo o mesmo e permanecendo sentados
diante do televisor. Sen embargo, atópome con que a empresa mineira publicita,
sen máis matices ou explicacións, o seguinte:
“UNHA VEZ EXTRAIDO, O OURO VAISE VENDER
DIRECTAMENTE DESDE CABANA DE BERGANTIÑOS, ONDE A EMPRESA TEN A SUA SEDE
FISCAL EN ONDE SE IMPUTARÁN TODOS OS IMPOSTOS”
|
ISTO NON É XOGO LIMPO!
Como é posible insinuar que todos os impostos quedarán en Cabana de
Bergantiños?. Ou quérese dicir outra cousa? Cales son as consecuencias fiscais
reais das actividades económicas que teñen a súa sede fiscal nunha determinada
zona? Non merecen os cidadáns unha información detallada para poder decidir
democraticamente cal é o futuro que queren?
OS TRIBUTOS IMPLICADOS NA MINA DE OURO DE
CORCOESTO
Toda actividade económica, mineira ou non (un hotel, unha fábrica de
queixos, un taller de reparación de automóbiles, unha explotación agrícola, un
bar, unha panadería, unha perruquería, etc) está obrigada a tributar por iniciar
e exercer a actividade, pola obtención de posibles beneficios, polo valor
engadido xerado, etc. Estes tributos supoñen ingresos para calquera das tres
Administracións Públicas do estado español (Estatal, Autonómica e Local). No
caso que nos ocupa, a empresa mineira que explotará os recursos de Corcoesto,
que tributos debe pagar?, a quen?, cantos deles quedarán para o concello de
Cabana de Bergantiños?:
1. Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos
Xurídicos Documentados (ITPAJD): Aínda que a empresa mineira constitúa unha sociedade (ou xa a
constituíra) con domicilio social no Concello de Cabana de Bergantiños, este
imposto, que se pagaría unha soa vez no acto da constitución da sociedade
mercantil, está transferido integramente á Comunidade Autónoma de Galicia, polo
que o Concello de Cabana non recibiría (ou xa non recibiu) nin un só céntimo do
mesmo.
2. Imposto de Actividades Económicas (IAE): podería ser ingresado no Concello
de Cabana de Bergantiños, dentro dos epígrafes diferentes (212 - Extracción e
preparación de minerais metálicos non férreos e 225.9 - Produción doutros
metais non férreos n.c.ou.p.).
3. Imposto de Bens Inmobles (IBI): a tributación dependerá do valor
catastral dos terreos e da súa consideración como de natureza urbana ou rústica
polo Concello. Hai que ter en conta que os terreos afectados teñen
consideración rústica, polo que o Concello, salvo que cambie a cualificación
urbanística dos terreos, dificilmente vai a percibir máis ingresos dos que
percibe na actualidade.
4. Imposto de Construcións, Instalacións e
Obras: A
tributación por este imposto podería ser unha fonte importante de ingresos para
o concello, pero isto tampouco vai a suceder, xa que a declaración do proxecto
mineiro como industrial estratéxico exime do pago do mesmo por levar implícita
a non suxeición a licenza municipal, que é o que determina a obriga de pagar
este imposto.
5. Imposto sobre Sociedades: A empresa terá que pagar polos
beneficios obtidos, pero como é un imposto estatal, ese diñeiro non quedará nin
en Cabana de Bergantiños nin en Galicia. Mesmo o diñeiro que pode chegar a
recibir a empresa en forma de subvencións ao capital concedidas pola Xunta de
Galicia, deberán ser declarados como ingresos pero non tributarán en Galicia,
senón na administración estatal.
6. Imposto sobre Determinados Medios de
Transporte e o Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica: O primeiro deles (coñecido como
imposto de matriculación) está transferido á Comunidade Autónoma de Galicia e a
empresa mineira pagaría este imposto á Xunta no caso de adquirir vehículos
automóbiles suxeitos ao mesmo. O segundo é un imposto local que se paga
anualmente (coñecido como imposto de circulación) que gravaría os vehículos da
empresa mineira domiciliados no Concello de Cabana. No entanto a empresa
mineira recorrerá ao renting ou a subcontratas que achegarán os vehículos e
cuxo domicilio fiscal non estará en Cabana de Bergantiños nin ao mellor en
Galicia, polo que o Concello e a Xunta non recibirán un so céntimo por estes
impostos.
7. Imposto sobre o Valor Engadido (IVE): Grava as entregas de bens ou
prestación de servizos, mais no caso do ouro, a maior parte das vendas irán
destinadas ao exterior (exportacións ou entregas intracomunitarias de bens). En
ambos os casos, son operacións exentas de IVE, polo que non se producirían
ingresos por este imposto nin para o Concello de Cabana de Bergantiños, nin
para Galicia, nin para o estado español.
8. Outros tributos tipo taxas: Podería habelos no caso de que a
actividade mineira demandase a prestación de servizos ou aproveitamento de bens
públicos. Neste caso, o aumento dos ingresos municipais levaría consigo un
aumento igual ou superior dos gastos municipais ou autonómicos, polo que os
beneficios para o concello ou a administración autonómica son cando menos
dubidosos. Un aumento de ingresos por este tipo de tributos ten unha relación
directa cos gastos correntes ou investimentos necesarios para esa prestación de
servizos que se amortizarán no futuro. Por encima, estas taxas, deixan de
abonarse cando remate a actividade da empresa, mentres que os gastos para o
concello poden dilatarse no tempo.
En definitiva, os ingresos fiscais dunha actividade económica sempre hai
que contrastalos cos gastos públicos que podería orixinar a mesma. Por exemplo,
impostos sobre o tabaco fronte a gastos sanitarios derivados das enfermidades
que provoca o tabaquismo; imposto de circulación de vehículos fronte os custes
de construción e mantemento da rede de estradas; taxas sobre o consumo de auga
fronte ao custe de construción e mantemento da rede de sumidoiros e depuración
das augas, etc. Esta análise deberíamos facela en maior medida cando os custes
para a sociedade ocasionados por unha actividade económica teñen que ser
asumidos por unha administración distinta a aquela que percibe os tributos que
esa actividade paga.
Un exemplo sobre o que reflexionar: Canto supuxo o desastre de
Aznalcollar cando a balsa de tóxicos se derramou e chegou ao Parque Doñana?
Compensaron os ingresos fiscais que tributou a empresa cos gastos públicos do
saneamento do Parque? Moitos anos despois, a empresa nórdica non pagou nin un
euro do desastre ecolóxico que orixinou.
E unha pregunta final: As actividades económicas que deixarán de
existir, as que non poderán chegar a ser, ou as que quedarán hipotecadas pola
presenza da mina, canto diñeiro deixarán de pagar en tributos?, canto deixará
de percibir desas actividades o concello de Cabana de Bergantiños?.
E pasada unha década, cando a mina sexa historia, poderán repoñerse esas
actividades agora afectadas?
CONCLUSIÓN: POR FAVOR, XOGO LIMPO!
Os INGRESOS FISCAIS PARA CABANA DE BERGANTIÑOS PODERÍAN VIR DE
ACTIVIDADES AGROALIMENTARIAS, INDUSTRIAS DE TRANSFORMACIÓN DE MADEIRA E MOBLE,
ARTESANÍA, HOSTALARÍA E TURISMO, etc. E SIGNIFICARÍAN IGUAIS Ou MAIORES
INGRESOS FISCAIS QUE A ACTIVIDADE DERIVADA DA EXPLOTACIÓN DA MINA DE OURO AO
CEO ABERTO DE CORCOESTO .
Jose A. Tricio Fernández
Economista
Un espléndido resume, clarificante, divulgativo e tonificante, graciñas.
ResponderEliminarEstes tiburóns do expolio e a usura non deixan de mentir, nin deixarán.
Unha forte aperta