Arsénico sen compaixón

  Desembocadura do Anllóns. Imaxe de Rozavales
A Sociedade Galega de Historia Natural vén de facer público un estudo do Instituto de Investigacións Mariñas que pon en entredito a DIA positiva da Consellería ao proxecto de explotación mineira de Corcoesto, ao poñer de manifesto que as concentracións de arsénico nas augas do río Anllóns "aumentan 2,1 veces ao atravesar a zona de arsenopiritas na parte media da bacía (zona mineira de Corcoesto) ata acadar os 3,96 microgramos/litro, achegándose ao límite inferior (4,5 microgramos/litro) dos ríos europeos contaminados, e á metade do máximo admitido para augas potables establecido pola Unión Europea, a Axencia de Medio Ambiente dos EEUU e a Organización Mundial da Saúde".
Malia que esta concentración pode deberse á existencia natural de arsenopiritas na zona, o estudo afirma que "as zonas de sedimentos máis contaminados son consecuencia directa da antiga explotación de ouro que agora se quere reactivar". 
Se coa anterior explotación, levada a cabo de xeito tradicional (subterráneo), se acadaron eses niveis...que vai pasar se se pon en marcha o proxecto de Edgewater, que é un tipo de minaría moito máis  agresiva para o medio? A onde van chegar os niveis de arsénico? De que maneira se vai ver afectado o subministro de auga potable ás persoas residentes nesa comarca?
Que vai ser do esteiro do Anllóns, unha Zona de Especial Protección de Aves cunha riqueza ornitolóxica recoñecida por tódolos especialistas na materia? 
Que vai pasar co marisco que aí se obteña?
Queremos que Augas de Galicia se pronuncie publicamente ao respecto. É a súa responsabilidade.
A Consellería de 1/2 ambiente vén de emitir a súa DIA respecto do proxecto, xusto no momento en que se fai público este informe sobre o arsénico. Cando un organismo da Administración emite un informe que beneficia ao proxecto dunha empresa, sabendo que da execución dese proxecto se derivan danos para o ben común, estase incorrendo en prevaricación. Preguntámonos se tal vez non é este o caso, e se a fiscalía anticorrupción non debería intervir de oficio, xa.

Comentarios

  1. Seguirán os nosos "fantásticos" políticos pensando ou aparentando pensar que eles saben máis que ninguén, mesmo que os expertos? Seguirán pensando que están sobrados de razón e de coñecementos e que non necesitan da sabedoría daqueles que sí saben do que vai este asunto? A autosuficiencia e a falta de humildade son malos conselleiros para todo o persoal, incluídos os señores políticos. Non contar coa opinión dos afectados, quen son os seus administrados, quen lles nomearon para ser os seus xestores, é un erro que acaba pasando factura.

    ResponderEliminar
  2. Boas!
    Son xornalista e estou preparando unha reportaxe sobre a mina.
    Podería poñerse en contacto comigo algunha persoa integrante da plataforma?
    Grazas!

    ResponderEliminar
  3. Natalia, envía os teus datos de contacto ao correo da Plataforma: corcoesto@googlegroups.com

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Deixa aquí os teus datos para apoiar o manifesto.

Publicacións populares deste blog

Fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a favor do acceso á documentación