luns, 31 de decembro de 2012

Querido Apalpador

O Apalpador. Leandro Lamas


Querido Apalpador
desde a Plataforma pola defensa de Corcoesto, temos algo que pedirche nesta última noite do ano 2012.
Xa sabemos que o teu e apalpar barrigas para ver se comeron abondo ao longo do ano, pero por unha vez ímosche pedir que cambies un pouco o protocolo.
Que tal se en vez de apalpar barrigas apalpas cacholas? Hai algunhas por San Caetano que non sabemos se “comerían abondo”. Polas súas actitudes, parece que lles faltou algún nutriente que lles puidese proporcionar algo fundamental nos bos gobernantes: sentidiño.
Dicía Churchill que para ser bo gobernante hai que pensar un pouco máis nas vindeiras xeracións, e un pouco menos nas vindeiras eleccións.
Esa clase de “sentidiño” é a que che pedimos que lles inocules na cachola aos nosos gobernantes.
Cumpriría que fosen quen de pensar un pouco máis na xente que vive ligada á terra de xeito sustentable, e un pouco menos no seu peto. Un pouco máis no futuro a medio e longo prazo, e un pouco menos nun presente mirado con lupa. Un pouco máis nos verdadeiros intereses da xente desta terra, e un pouco menos nos intereses de empresas foráneas totalmente alleas a ela. Un pouco máis no noso patrimonio natural, e un pouco menos nas ganancias de catro canadenses. Un pouco máis nos postos de traballo reais e sustentables que xa existen, e un pouco menos nas promesas efémeras que calquera persoa con dous dedos de fronte -eles tamén- saben que non son reais.
Cumpriría que tivesen o sentidiño que se precisa para tomar unha decisión rotunda e acertada para protexer o noso territorio dos depredadores: botar fóra de Galiza a megaminería.
Sabemos que non é doado o que che pedimos.
Sabemos que pedir sentido común dentro da cabeza dos nosos gobernantes é, case case, como pedirlle peras a un pexegueiro, ou amoras a unha laranxeira.
Pero confiamos na túa sabedoría milenaria para ese traballo.
Ti que traes felicidade e fartura para todo o ano, acórdate de Corcoesto.

1 comentario:

  1. Subscribo a petición na súa totalidade, pero sospeito que os nosos políticos necesitan unhas cantas sesións de inxección en vea de sentido común e outras moitas de respecto e consideración para cos veciños dos Concellos afectados. Para eles só contan os canadenses. Esa é a pura e dura realidade. Todo o demais son só milongas, que só eles se cren.

    ResponderEliminar

Deixa aquí os teus datos para apoiar o manifesto.