Edgewater perde os dereitos mineiros de Corcoesto
A lei de acompañamento aos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, prevé a caducidade dos dereitos mineiros cando se denegue a autorización de explotación.
A
publicación o pasado día 30 de decembro no Diario Oficial de
Galicia da lei 12/2014, de 22 de decembro, de medidas fiscais e
administrativas, supón un novo e duro golpe para as pretensións da
empresa canadense Edgewater e a súa filial, Mineira de Corcoesto,
sobre a explotación da mina de ouro no Concello de Cabana de
Bergantiños.
Esta
lei de acompañamento aos orzamentos da comunidade autónoma de
Galicia, recolle unha modificación da lei 3/2008 de ordenación da
minaría de Galicia, á que engade unha disposición transitoria
segunda que remata definitivamente coas expectativas de Edgewater
sobre o proxecto mineiro de Corcoesto.
Nesta nova disposición recóllese que as concesións mineiras reguladas
pola Lei da minaría de 1973, ás que se lle denegue a autorización
de explotación por calquera das causas legais, determinará
a caducidade dos dereitos mineiros correspondentes.
Ademais prevé a súa aplicación retroactiva no caso de resolucións
denegatorias de autorizacións de explotacións ditadas con
anterioridade á entrada en vigor desta lei.
Isto resulta de aplicación directa para Mineira de Corcoesto, cuxo
proxecto para a explotación aurífera das concesións Emilita,
Ciudad de Masma e Ciudad de Landró, reguladas pola lei de minas de
1973, foi denegado ante a forte oposición social ao mesmo, por
resolución da Consellería de Economía e Industria de data 11 de
marzo de 2014, debido a falta de garantías técnicas e económicas.
Esta modificación lexislativa fai que Mineira de Corcoesto e a canadense
Edgewater perdan definitivamente os dereitos mineiros que ostentaban
sobre dos montes de Corcoesto e imposibilita, para tranquilidade da
veciñanza da comarca, que poida presentar no futuro outro proxecto
de explotación de ouro na zona.
Agora correspóndelle á Consellería de Economía e Industria incoar de
oficio o procedemento de caducidade dos dereitos mineiros e a
cancelación da súa inscrición no Rexistro Mineiro de Galicia,
solicitude que tamén vai presentar por escrito a Plataforma pola
defensa de Corcoesto e Bergantiños para asegurar a tramitación,
canto antes, deste procedemento de caducidade.
Canto valen , ou, canto costaron os dereitos de eplotación de Corcoesto?
ResponderEliminar