A Comisión Europea continúa a investigación sobre a declaración de impacto ambiental da mina de Corcoesto.
- Incorpora ao expediente o informe sobre os niveis de arsénico en Corcoesto elaborado pola Universidade de Santiago.
- Indica que esixirá o pleno cumprimento da lexislación da Unión Europea en materia de medio ambiente.
A
Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños remitira no mes de xullo á
Comisión de Peticións do Parlamento Europeo o informe “Potencial mobilización de
arsénico nos materiais xeolóxicos e residuos mineiros de Corcoesto: Unha
revisión crítica”, que foi elaborado polos profesores e investigadores
da Universidade de Santiago de Compostela, Dr. David A. Rubinos, Dr. Rosa
Devesa-Rey, Dr. Francisco Díaz-Fierros e a Dr. María Teresa Barral. Con base
nese informe, a Plataforma solicitara ao Parlamento Europeo que procedese á
revisión da declaración de impacto ambiental por vulnerar a normativa europea
en materia de avaliación ambiental de proxectos, e que se instase ás autoridades
sanitarias españolas a realizar os estudos epidemiolóxicos á poboación da
contorna recomendados no informe científico.
Agora,
a Plataforma acaba de recibir unha comunicación na que se lle indica que a
Comisión Europea incorpora o informe científico da Universidade de Santiago ao
expediente de investigación que sigue en relación á declaración de impacto ambiental
do proxecto mineiro, e que solicitará información ás autoridades españolas sobre
as cuestións que figuran no mesmo. O obxectivo da investigación é o de garantir
o pleno cumprimento da lexislación da Unión Europea en materia de medio
ambiente, incluídas as disposicións da Directiva sobre residuos da minaría, da
Directiva Marco sobre a Auga e da Directiva sobre hábitats, por atoparse a proxectada
mina de ouro de Corcoesto a 140 metros do Lugar de Importancia Comunitaria, río
Anllóns.
A
Plataforma recorda que o informe científico da Universidade de Santiago, cuestiona
de cheo o estudo de impacto ambiental realizado pola empresa mineira canadense
Edgewater e bota por terra a declaración de impacto ambiental, pola total falta
de rigorosidade na estimación do impacto que terá sobre a poboación a
liberación dos altos contidos de arsénico existentes no solo de Corcoesto.
Os
investigadores indican no informe, que o método empregado por Edgewater para
calcular os vertidos de arsénico ao medio natural non é válido, por non ser un
método de referencia na Unión Europea, e porque subestima a mobilidade real
deste elemento químico altamente prexudicial para a saúde. Inciden en que non
se tiveron en conta os riscos potenciais para o medioambiente e a saúde pública da poboación da comarca
de Bergantiños, derivados da exposición ao arsénico que se vai liberar no caso
de que se autorice a explotación da mina de ouro. Por este motivo recomendan
tamén a realización de estudios epidemiolóxicos á poboación.
Por
último, o informe científico resalta que a empresa mineira fai unha incorrecta
clasificación dos residuos de lixiviación como “inertes non perigosos”, que vulnera
a Directiva Comunitaria sobre residuos da minaría. Con esta incorrecta
clasificación dos residuos, Edgewater pretende evitar o cumprimento dunha serie
de requisitos moi estritos no que se refire á xestión de residuos e á política
de prevención de accidentes graves, entre os que se inclúe a obrigatoriedade de
establecer un plan de emerxencia que prevea a evacuación da poboación no caso
de que acontezan este tipo de accidentes.
Todas estas cuestións serán
investigadas agora pola Comisión Europea, dentro do proceso que sigue para verificar
o cumprimento da legalidade na declaración de impacto ambiental outorgada pola
Xunta de Galicia ao proxecto mineiro de Corcoesto.
Comentarios
Publicar un comentario
Deixa aquí os teus datos para apoiar o manifesto.