Apoiando a manifestación convocada polo Monte Pindo Parque Natural na defensa da nosa Terra domingo 6 de Octubre
A Plataforma Pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños estivo onte domingo día 6 de Octubre en Santiago apoiando a manifestación convocada polo Monte Pindo Parque Natural na defensa da nosa Terra.
Deixamos algunhas fotos do percorrido e o noso texto de apoio:
Deixamos algunhas fotos do percorrido e o noso texto de apoio:
ARDE O QUE SERÁ…
A Plataforma pola Defensa
de Corcoesto e Bergantiños acude a esta marcha pola defensa do territorio,
invitada pola Asociación de Amigos do Monte Pindo, con ánimo de incendiar as
vosas conciencias. Vimos crear un fronte común, prender a mecha da
colaboración, meter lume a tanta indiferencia criminal de quen ainda non sabe
que a terra é nosa.
Ardiu o Monte Pindo,
Olimpo dos deuses celtas, que de habelos, estarán profundamente ofendidos. Os
responsables desta desfeita teñen delito, un delito capital de arrogancia e
atrevemento que no mundo antiguo chamaban hubris. Para a hubris, o castigo era
eterno.
Esta arrogancia e
atrevemento proponse queimarnos o futuro, desfacerlle as entrañas a Galiza,
asfaltar a totalidade dos seus campos, extirparlle o rostro, borrarle os sinais
de identidade. O mundo rural e mariñeiro, a esencia da Galiza, deberían ser
fonte de traballo e riqueza, pero son arrasados pola desidia e o esquecemento,
ano tras ano, cada verán. Ata cando seguiremos así? Que nos vai quedar tras
esta queima sistemática? Ás novas xeracións, que lles imos deixar? Un legado
carbonizado? Un horizonte de altos fornos sen oxíxeno, sen bosques, sen
natureza?
Non queremos unha Galiza
sen presente nin escapatoria.
Non queremos mirar con
temor o corpo indefenso do noso futuro.
Paremos a destrucción da nosa
terra!
Hoxe facemos un novo
chamamento á sociedade galega para reclamar un cambio drástico na dirección das
políticas das Consellerías de Medio Ambiente e de Industria.
Queremos que o noso goberno
deixe de ver a Galiza como un campo de minas, como pasto para a especulación.
Aos que non souberon
realizar a tempo o seu traballo, exixímoslles o cese inmediato!
Imos darlles á brasa ata
logralo, imos lembrarlles de que madeira están feitas as nosas árbores
autóctonas: esa madeira que non sabe de follas de expedientes.
Agardamos cambios,
agardamos respostas en lugar de silencio administrativo.
Reclamamos dereitos en
lugar de multas e sancións.
Comentarios
Publicar un comentario
Deixa aquí os teus datos para apoiar o manifesto.