Pedimos a Conselleira de Medio Rural que faga prevalecer os usos agrícolas, gandeiros e forestais sobre os mineiros
A Plataforma pola
Defensa de Corcoesto e Bergantiños vén de presentar un escrito asinado por dúas
mil persoas dos concellos de Cabana de Bergantiños, Ponteceso e Coristanco, no
que solicitan á Conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, que declare
a prevaleza dos usos agrícolas, gandeiros e forestais actuais, xeradores de
riqueza e sostibles a longo prazo, sobre os mineiros, e en consecuencia declare
a incompatibilidade destes usos coa actividade mineira que se pretende
desenvolver.
A mina de ouro de
Corcoesto afecta a 700 hectáreas de superficie forestal de alta capacidade
produtiva, suporá a eliminación total da funcionalidade do solo e provocará un
dano irreversible que imposibilitará a recuperación da produtividade actual do
monte, tal e como se acreditou con diversos informes técnicos ante a Dirección
Xeral de Minas. Neste sentido, especialistas en recuperación de solos que
realizaron informes para a Plataforma, indican que o plan de restauración
presentado pola empresa e as propias medidas correctoras previstas na
declaración de impacto ambiental, non son as adecuadas para a recuperación da
funcionalidade do solo, e moito menos, permiten recuperar a súa capacidade
produtiva actual.
No escrito tamén se
incide no dano que sufrirá a Indicación Xeográfica Protexida “Pataca de
Coristanco” así como outras iniciativas de agricultura ecolóxica que se
desenvolven ao pé da mina. O po das voaduras, o fallo hídrico e outros impactos
que non foron avaliados na declaración de impacto ambiental, eliminarían
calquera posibilidade de desenvolvemento futuro da agricultura e da gandería, o
que levaría ao peche de numerosas explotacións coa conseguinte destrución de
emprego e éxodo da poboación; e todo isto, motivado pola implantación dunha
explotación mineira cun horizonte de actividade de pouco máis de oito anos.
Por último
trasládanlle á Conselleira que o custe social e ambiental da actividade mineira
non compensa a aposta política por un proxecto que suporá un dano irreversible
para a comarca, que ten unha duración finita, e que incumpre a Lei 13/2011, de
política industrial de Galicia, tal e como puxo de manifesto o IGAPE nun
informe recente. Por estas razóns piden ademais que no documento de avaliación
ambiental estratéxica do futuro Plan de Actividades Extractivas de Galicia, se declare aos concellos de Cabana de Bergantiños,
de Ponteceso e de Coristanco, en especial ás parroquias de Cereo, Corcoesto e
Valenza, como áreas de especial protección agrícola, gandeira e forestal.
Nomeamento de novo director
xeral de Mineira de Corcoesto.
O recente nomeamento de Francisco Arechaga, Presidente da
Cámara Oficial Mineira como director xeral corporativo de Mineira de Corcoesto,
supón para a Plataforma, un intento á desesperada por parte da empresa de lavar
a súa imaxe para tratar de salvar un proxecto que conta cun forte rexeitamento
social na comarca e en Galicia. Proba disto é que o nomeamento prodúcese nun
momento crítico para a posta en marcha do proxecto, que na actualidade se atopa
paralizado pola Xunta de Galicia pola falta de garantías técnicas, económicas e
ambientais.
Para a Plataforma non é de recibo que o Presidente da
Cámara Oficial Mineira, que é unha entidade de dereito público que se constitúe
como un órgano consultivo da administración autonómica, tutelada pola
Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia que tramita o proxecto
mineiro de Corcoesto, poida ser compatibilizado co de director xeral da empresa
que o impulsa. Canto menos é de dubidosa ética e moralidade e é unha proba máis
dos escuros intereses e complicidades que se moven ao redor deste proxecto, que
destacou ao longo da súa tramitación, pola total conivencia entre a Xunta de
Galicia e a empresa mineira.
Comentarios
Publicar un comentario
Deixa aquí os teus datos para apoiar o manifesto.