xoves, 5 de maio de 2016

As declaracións de Jim Yong Kim e o dereito a defender a terra


Hai cousa dun mes, Jim Yong Kim, Presidente do Banco Mundial, fixo unhas declaracións nun Seminario celebrado en Nova Iorque nas que facía referencia ao asasinato de Berta Cáceres nuns termos que consideramos absolutamente inaceptables. 
Na súa intervención, que podedes ver neste vídeo de youtube, o presidente do Banco Mundial daba a entender que aceptaba como algo practicamente inevitable a posibilidade de que se producisen ataques a activistas.
En resposta a unha pregunta sobre os evidentes impactos das grandes represas, e sobre os ataques sufridos por activistas, como no caso de Berta Cáceres en Honduras, respondeu que "non se pode facer o tipo de traballo que estamos tratando de facer e non ter algún destes incidentes". Enfádanos profundamente que se cualifique de "incidente" un feito tan grave como o asasinato brutal dunha activista.
Defender a terra non é delito

Ademais, suxeriu que a enerxía das grandes represas é a única alternativa posible fronte a enerxía termoeléctrica e nuclear. Engadiu, ademais, que "os desprazados por grandes represas poden rematar nunha situación igual ou mellor que aquela na que vivían".
Diante deste desprezo aos dereitos humanos, diversas asociacións como CEJIL, Otros Mundos AC, International Rivers e AIDA, veñen de redactar un comunicado de repulsa para enviar a Jim Yong Kim. As organizacións interesadas en adherir o comunicado, deben enviar a súa adhesión antes do venres día 6. 
Desde a Plataforma de Corcoesto apoiamos esta iniciativa, e reivindicamos o dereito a loitar pola nosa terra sen ver ameazada a nosa integridade física. Porque defender a terra non é un delito. 

Pincha aquí para ler o comunicado que se vai enviar ao Presidente do Banco Mundial.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Deixa aquí os teus datos para apoiar o manifesto.