Vivir de pe. Pobos na defensa da terra: As Encrobas-Corcoesto


A Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños organiza un encontro entre As Encrobas (Cerceda) e Corcoesto (Cabana de Bergantiños) o vindeiro sábado 25 de Abril ás 18 horas no Forum de Carballo.

O acto consistirá na Proxección do documental “As Encrobas a ceo aberto“. Tendo lugar a continuación unha charla coloquio na que participarán:

  • Xosé Bocixa, realizador do documental.
  • María Pardo, veciña de As Encrobas. 
  • Lola de Baralláns, veciña de Corcoesto.
  • Paco García, voceiro da Plataforma.
Separadas por case 40 anos, estas dúas loitas emblemáticas na defensa da nosa terra e das súas xentes, teñen moito en común: a loita contra o capitalismo depredador e o neo-colonialismo das empresas multinacionais.

No ano 1975 iniciouse na parroquia rural de As Encrobas, situada no concello coruñés de Cerceda, un conflito agrario que, polo significado que acadou no contexto da fin do franquismo e dos primeiros momentos da transición democrática española, tivo unha gran repercusión en Galicia.

A empresa eléctrica de orixe galega, denominada entón Fenosa, pretendeu explotar un xacemento de lignito pardo depositado no subsolo do val agrícola sobre o que se asentaba unha gran parte da poboación desta parroquia, que roldaba naquel momento os mil cincocentos habitantes. O procedemento elixido, de extracción a ceo aberto, esixía o desaloxo de aproximadamente catrocentas familias campesiñas ou “casas”.

Os enfrontamentos aos que deron lugar os intentos de ocupación dos terreos, con especial protagonismo das mulleres de As Encrobas, suscitaron o apoio masivo da sociedade, que sería decisivo para o abandono do procedemento expropiatorio e a apertura de negociacións entre a empresa e as persoas afectadas.


Son moitas as coincidencias coa loita de Corcoesto, aínda que tamén existen diferencias moi interesantes. Como dicían as xentes de As Encrobas: Se a terra é nosa, por que o que hai baixo ela non é tamén noso?.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a favor do acceso á documentación