martes, 10 de febreiro de 2015

Estamos con Máxima!



A Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños solidarízase coa loita de Máxima Acuña fronte a multinacional mineira Yanacocha

Desde a Plataforma estamos con Máxima

Lonxe de ser unicamente unha causa legal, o caso Máxima contra Yanacocha (filial de NewmontMining) está no centro dun problema político que sacudiu Cajamarca e o Perú nas últimas décadas: a relación entre os grandes investimentos mineiros e os dereitos das familias e comunidades campesiñas que non desexan o desenvolvemento de actividades extractivas na súa contorna.
Unha vez un mineiro díxolle a Máxima Acuña que se estaba ao lado da mina ía ter o ceo, pero que se se puña en contra ía terminar esmagada, tal como un elefante esmaga a unha formiga.
A súa casa queda fronte á Lagoa Azul, unha das lagoas que serán afectadas o Proxecto Mineiro Conga e que forma parte da cabeceira de conca de Celendín: esta lagoa é o corazón de moitos ríos que irrigan o campo onde miles de campesiños sementan e cultivan a terra. E desa terra nace o noso alimento.
Máxima vive alí, arriba, onde nace a auga e o sol, entre choivas torrenciais e brétema turbulenta, entre ambiciosos mineiros e corrompidos "axentes da lei": Aquí naceu a súa coraxe.
Como unha muller enfrontada ao poder dunha gran empresa converteuse nun símbolo para os cajamarquinos, e para todos os que loitan por defender o medio ambiente contra a barbarie.
O 2011 foi para Máxima Acuña o ano do inicio dunha batalla desigual contra a poderosa mineira Yanacocha, que tenta tomar control dos seus terreos, descoñecendo, alega Acuña, o certificado en que consta que ela adquiriu a propiedade á comunidade de Sorocucho. Estas terras, nas que ela vive e traballa coa súa familia desde 1994, son contiguas á Lagoa. A historia previa é que a empresa quixo comprar e Máxima non quixo vender.
Máxima e a súa familia foron atacados por policías en varias ocasións, as máis graves en maio e en agosto de 2011. Houbo queimas, desfeitas; operarios introduciron maquinaria nos seus terreos, os seus fillos foron golpeados. Pero ela non soportou en silencio o abuso, denunciou unha e outra vez.
O pasado 3 de febreiro de 2015, o avogado Máxima Acuña dixo á prensa que polo menos 200 policías entraran nas súas terras en Tragadero Grande (Sorochuco, Cajamarca) e derrubaron a ampliación da casa desta, realizada para reforzar a estrutura da vivenda contra as choivas.
Máxima Acuña é nun símbolo na loita contra os abusos da megaminería e na defensa da súa terra fronte a barbarie destrutiva do colonialismo.

TODOS E TODAS SOMOS MÁXIMA ACUÑA

CONGA NON VAI!!!!
Corcoesto 10 de Febreiro de 2015

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Deixa aquí os teus datos para apoiar o manifesto.