Presentación da "Guía para o descenso enerxético


 Nova actividade pública da Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños

O Domingo 16 de Novembro ás 11 h. no Local social de Corcoesto (escola de Cures) presentamos a “Guía para o descenso enerxético, preparando unha Galiza pospetróleo" da Asociación Véspera de Nada, baixo a denominación:

Volta ao rural: Cómo sobrevivir ao fin da era da abundancia?
A Guía presentarase na escola de Cures


A presentación da mesma correrá a cargo de Xoán R. Doldán, natural de Ponteceso, profesor de Economía Aplicada da USC, coautor da guía e presidente da Asociación Véspera de Nada.
Na mesma abórdase que a civilización industrial afronta o seu colapso a causa da queda irreversible da súa base enerxética principal: o petróleo. Non hai enerxía que poida substituír o petróleo a tempo e na escala precisa para seguir termando da sociedade de consumo capitalista. Galiza, despois dun proceso recente e incompleto de industrialización, atópase con que ese modelo económico e social está a deixar de ser viable, e debe volver de novo a súa ollada ao rural para buscar a súa única riqueza real. 
Esta Guía presenta unha explicación das transformacións sociais que xa están en marcha, e que van supoñer a fin da Era da Abundancia e do Crecemento, ao tempo que ofrece un amplo conxunto de recomendacións acerca do que podemos ir mudando cada galega e cada galego nos terreos da nosa economía, do consumo enerxético, do transporte, da alimentación, da saúde, da vivenda e da educación para non só sobrevivirmos ao colapso do petróleo, senón para construírmos unha Galiza que teña un futuro mellor despois do petróleo.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Edgewater perde os dereitos mineiros de Corcoesto

O Parlamento Europeo prohibe o uso do cianuro nas tecnoloxías mineiras