sábado, 25 de outubro de 2014

Edgewater lanza globo sonda para ocultar a súa extrema debilidade


Edgewater e Mineira de Corcoesto lanzan un globo sonda para ocultar a súa extrema debilidade financeira.

  • As contas anuais do 2013 de Mineira de Corcoesto revelan o incumprimento da normativa contable española por non amortizar os activos intanxibles.
  • O rexistro contable dunha única cota de amortización destes activos por parte de Mineira de Corcoesto, S.L., situaría á empresa en causa de disolución obrigatoria prevista na Lei de Sociedades de Capital.



A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños considera o anuncio das negociacións de Edgewater cun grupo empresarial español para retomar o proxecto mineiro de Corcoesto, un globo sonda para ocultar a súa extremada debilidade financeira e tratar de mellorar as perspectivas de cotización da empresa cuxo valor en bolsa está afundido desde outubro de 2013, cando o Presidente da Xunta anunciou no Parlamento a paralización definitiva do proxecto por incumprir as garantías técnicas e económicas. A capitalización en bolsa da matriz canadense continúa, despois do anuncio feito público o día de onte, en niveis mínimos históricos, o que determina a falta de credibilidade que esta nova xera dentro dos potenciais inversores.
Bernardo Tahoces afirma que a tramitación do proxecto está "concluída"
Por outra banda, a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, considera totalmente falso que Mineira de Corcoesto poida retomar e continuar o proxecto mineiro de Corcoesto -consiga ou non un socio financeiro- toda vez que a tramitación do proxecto mineiro está “concluída”, segundo palabras do propio director xeral de Industria, Ángel Bernardo Tahoces. Calquera intento de sacar adiante o proxecto pasaría necesariamente pola presentación dun novo proxecto que tería que seguir a tramitación administrativa necesaria con exposición pública e fase de alegacións ao mesmo por parte dos cidadáns e afectados. Polo tanto este comunicado vén de confirmar que Edgewater e Mineira de Corcoesto continúan coa súa coñecida estratexia de manipulación, enredo e engano á cidadanía e mesmo aos inversores.

En relación á situación financeira, despois de analizar as últimas contas presentadas e consultados diversos expertos na materia, a Plataforma considera que Mineira de Corcoesto, S.L. incumpre a normativa contable española que obriga a amortizar os activos intanxibles recoñecidos no activo do balance. En consecuencia, as contas anuais non reflectirían, de acordo coa normativa, a verdadeira situación económica e financeira da empresa. Concretamente, segundo explica a empresa nas últimas contas anuais presentadas no rexistro mercantil, os activos intanxibles contabilizados ascenden a 11,5 millóns de euros que se corresponden cos custes de exploración, avaliación e desenvolvemento do proxecto mineiro de Corcoesto. Estes custes activados deben amortizarse, é dicir imputarse á conta de resultados nun prazo de cinco anos, o que determinaría que Mineira de Corcoesto debería ter contabilizado como gasto no 2013 un importe que superaría os dous millóns de euros. Isto provocaría automaticamente que a empresa pasase a ter uns fondos propios negativos, entrando así de cheo na causa de disolución obrigatoria prevista no artigo 363 e) da lei de sociedades de capital.

Nas contas anuais tampouco se rexistra, en contra da opinión dos expertos, ningún deterioro do valor dos activos intanxibles derivado da negativa resolución da Xunta de Galicia que impide a explotación do xacemento. Tampouco na memoria hai ningunha referencia a isto como un “feito posterior a peche das contas” -tal e como contempla a normativa contable- no que se debería indicar a incidencia que sobre as contas anuais ten a citada resolución negativa da Xunta de Galicia. A contabilización deste deterioro ou a explicación da incidencia da resolución administrativa nas contas anuais, suporía, a xuízo da Plataforma, un acusado empeoramento da situación económica e financeira, tanto da filial, Mineira de Corcoesto, como da súa matriz Edgewater.

Outro extremo que acredita a extremada e delicada situación financeira é que o activo corrente da empresa, que ascende a 510.099,96 euros, é moi inferior ao pasivo corrente (débedas a curto prazo) que ascenden a 12.086.952,55 euros o que determina que a empresa non ten ningunha capacidade de facer fronte ás débedas a curto prazo. Esta constitúe a causa típica de concurso de acredores, manifestada pola incapacidade de facer fronte ás débedas esixibles a curto prazo.

Por último, a Plataforma indica que estará atenta a calquera movemento de Edgewater e que vai continuar traballando para impedir que este despropósito de proxecto saia adiante en contra dos intereses dos cidadáns.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Deixa aquí os teus datos para apoiar o manifesto.