O Plan Director da Rede Natura incumpre a normativa comunitaria

Analizamos o recentemente publicado Plan Director da Rede Natura por parte da Xunta de Galicia, sinalando algúns aspectos importantes do mesmo que até agora non foran suficientemente explicitados.

O goberno da Xunta fachandea de que Galiza é a segunda comunidade autónoma en contar cun Plan Director da Rede Natura. O que non dí é que a outra Comunidade, A Rioxa, conta cun Plan Director de natureza substancialmente diferente ao aprobado por Galiza. 

Mentres en Galiza, o Decreto 37/2014 non contempla os obxectivos específicos e ordenación detallada dos niveis de protección e conservación dos LIC e ZEP, a norma da Rioxa inclúe como anexos os Plans de xestión e ordenación dos recursos naturais de cada unha das zonas especiais de conservación, e para cada unha delas detállanse as cuestións básicas de obxectivos estratéxicos e operativos, réxime de protección (coa regulación específica de usos e normativa), así como o programa de actuacións (co seu cronograma, orzamento e financiamento). 

 O EXCLUIDO TRANSMUTADO EN AUTORIZABLE POR PLAN DE RANGO AMBIENTAL INFERIOR. 

O réxime normativo relativo ás actividades extractivas a ceo aberto é perverso. Mentres no PDRN se contén unha exclusión paras as novas actividades (non para as existentes, que se consolidan, mesmo as ilegais) o propio PDRN remite o réxime de autorización a un Plan Sectorial de actividades extractivas (actualmente en trámite), instrumento de natureza non ambiental (dito plan sectorial non é outra cousa que un instrumento de planificación da política mineira), ou mesmamente á declaración dun concello como mineiro, ocorrencia da lei da minería de Galiza que permite que a Xunta poida declarar a un concello como mineiro (previa solicitude ao respecto do propio concello), o cal ampara, de acordo co Decreto 37/2014, a inaplicación do réxime de exclusión das minas a ceo aberto; exclusión para os concellos mineiros que carece de amparo normativo algún xa que a Lei 3/2008 da minería unicamente prevé para tales concellos medidas de apoio á adaptación das infraestruturas ás súas necesidades, de mellora ambiental e seguridade e de diversificación do tecido produtivo, pero en ningún caso habilita un réxime específico propio para tales concellos en relación co réxime de usos, prohibicións e exclusións da actividade mineira. 




De xeito que o Plan Sectorial de Industrias Extractivas vai amparar legalmente non só as actividades existentes (tamén as ilegais) e a súa ampliación, senón tamén as novas que se proxecten na Rede Natura, en calquera das Zonas (tamén na 1, aquela que o propio PDRN cualifica como da máxima protección). 

No dito Plan (do cal nada mais se soubo desde a exposición ao público do trámite ambiental) xa se anticipaba que mesmo na Rede Natura “algúns proxectos de extracción poden resultar mesmo beneficiosos para a biodiversidade ao proporcionar nichos ecolóxicos de calidade”. A cualificación fúnebre de nichos é ambientalmente apropiada para un Plan que considera a Galiza, toda ela, como unha mina, real ou potencial. 

De xeito que o PDRN remite ao Plan Sectorial tanto a legalización das actividades mineiras existentes na Rede Natura como a habilitación normativa para a súa ampliación e para a autorización de novos proxectos. Un Plan Sectorial que expresamente vai amparar tal actividade en TODA a Rede Natura. 

Ademais do PDRN e do Plan Sectorial, o terceiro instrumento normativo habilitador para a desfeita da Rede Natura mediante a autorización xeneralizada das actividades extractivas é a nova Lei do Solo (en trámite parlamentario na actualidade). 

En efecto, a proposta do PP de nova lei do solo supón a desregularización e uniformización do réxime de usos en solo rústico, ao establecer o mesmo réxime para todas as categorías de solo rústico, tanto se é especialmente protexido como se non. De xeito que é autorizable en rústico (tamén no especialmente protexido) o de “Actividades extractivas, incluída a explotación mineira, as canteiras e a extracción de áridos ou terras, así como os seus establecementos de beneficio”. E non só iso senón que inclúe unha disposición transitoria en virtude da cal se ampara a legalización das actividades extractivas existentes a 01/01/2003 así como a implantación de novas actividades remitindo tal autorización ao que dispoña, como non, o Plan Sectorial. 

Por último, e a maiores de todo o anteriormente exposto, o propio PDRN prevé (art. 26.2.b) a disposición terrorífica de que mesmo diante dunha avaliación ambiental negativa dun plan, programa ou proxecto en Rede Natura a Xunta pode autorizalo, ben sexa por “razóns imperiosas de interese público de primeira orde”, ben sexa por simples “razóns de índole social ou económica”. Para tal réxime excepcional o PDRN invoca o art. 6.4 da Directiva 92/43/CEE e 45 da Lei 42/2007, pero “esquece” de precisar que o propio art. 6.4 da Directiva 92/43 precisa que “No caso de que o lugar considerado albergue un tipo de hábitat natural e/ou unha especie prioritarios, unicamente poderanse alegar consideracións relacionadas coa saúde humana e a seguridade pública, ou relativas a consecuencias positivas de primordial importancia para o medio ambiente, ou ben, previa consulta á Comisión, outras razóns imperioso de interese público de primeira orde ”. No mesmo senso, art. 45.6 da Lei 42/2007. E a Rede Natura está ateigada de hábitats naturais e especies prioritarios, onde non poden invocarse razóns sociais ou económicas (só as relacionadas coa saúde humana e a seguridade pública, que non son, desde logo, as propias das actividades extractivas). 

En consecuencia, dito art. 26.2.b) do Decreto 37/2004 vulnera manifestamente tanto o art. 6.4 da Directiva 92/43 como o art. 45.6 da Lei 42/2007. 

Por todo iso, a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños e varias organizacións sociais implicadas na loita contra a megaminaría e contra a mina de Corcoesto anuncian que van denunciar este PDRN á Comunidade Europea, axuntándolle un extenso informe sobre o referido Plano Director da Rede Natura.

Comentarios

  1. Iro todo a tomar por culo lo que estan encontra la mina soys la vergüenza de toca españa vaya partifo de gilipolla que soys todo viva las minas españolas viva españa

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Deixa aquí os teus datos para apoiar o manifesto.

Publicacións populares deste blog

Fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a favor do acceso á documentación