Novos apoios da comunidade científica á petición para que a XUNTA prohiba o emprego de cianuro na minería

Esta semana chegamos ós 236 apoios da comunidade científica para a petición de prohibición do emprego do cianuro na minería.

Coa entrega o pasado 8 de outubro ao Presidente da Xunta de Galicia do manifesto pola prohibición do uso do cianuro na minería coa listaxe dos 160 apoios da comunidade científica e universitaria recollidos ata entón a Sociedade Galega de Historia Natural e a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños deron inicialmente por pechada a campaña.

Non embargante, a difusión posterior da campaña nos medios de comunicación e os reenvíos no seo da comunidade científica e universitaria desencadearon unha segunda vaga de apoios que acadaron xa unha cifra moi relevante: 76 apoios adicionais que veñen de entregarse ao Presidente da Xunta de Galicia.

En total son xa 236 os apoios recollidos da comunidade científica e universitaria, adscritos a 92 Departamentos pertencentes á 20 universidades e organismos públicos de investigación, que:

- Consideran que o cumprimento dos obxectivos da UE en virtude da Directiva marco sobre política de augas, é dicir, conseguir un bo estado químico e protexer os recursos hídricos, así como a protección da diversidade biolóxica, só pode lograrse mediante a prohibición das tecnoloxías mineiras a base de cianuro.

- Piden ao Goberno Galego que impoña unha prohibición total do uso de tecnoloxías mineiras a base de cianuro en Galicia antes de que finalice 2013, posto que é o único xeito segur de protexer os nosos recursos hídricos e ecosistemas fronte á contaminación por cianuro procedente das actividades mineiras.

Á vista do clamor social e da comunidade científica, a Sociedade Galega de Historia Natural e a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños píden que se prohiba canto antes o emprego das tecnoloxías mineiras a base de cianuro en Galicia.

Nos seguintes enlaces podedes descargarvos a carta remitida ó Presidente da Xunta de Galicia e a lista de apoios recibidos:

 -  Carta ó Sr Presidente -->

 -  Lista de apoios da comunidade ciéntifica -->

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a favor do acceso á documentación