martes, 8 de outubro de 2013

Recollidos xa 160 apoios da comunidade científica para que a XUNTA prohiba o cianuro na minería

Durante as dúas últimas semanas a Sociedade Galega de Historia Natural e a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños desenvolveron unha exitosa campaña entre o profesorado e a comunidade científica de Universidades e OPIs (Organismos Públicos de Investigación) para recabar apoios á petición de que se prohiban en Galicia as tecnoloxías mineiras que empregan cianuro, sumándose así á “Declaración de Berlín” e a resolución do Parlamento Europeo. 

 A petición recolleu 160 apoios da comunidade científica e universitaria, procedentes de 67 Departamentos pertencentes á 7 universidades e 9 OPIs. O texto da petición, acompañado da listaxe de asinantes, enviouse hoxe 8 de outubro por rexistro ao Presidente da Xunta de Galicia. 

 O obxectivo desta petición é evitar os gravísimos riscos medioambientais e para a saúde das persoas no caso de que se implementasen estas tecnoloxías nas explotacións auríferas proxectadas en Galicia, das que a máis adiantada é a mega explotación mineira de ouro a ceo aberto en Corcoesto (Cabana de Bergantiños) na que se pretenden empregar milleiros de toneladas de cianuro no proceso de extracción do ouro (ata 128 kg de cianuro por cada kilo de ouro). 

 Á vista do clamor social e co apoio significativo da comunidade científica, a Sociedade Galega de Historia Natural e a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños pídenlle que a Xunta de Galicia que vostede preside prohiba canto antes o emprego das tecnoloxías mineiras a base de cianuro en Galicia e o teña en conta en todolos proxectos actualmente en tramitación, nomeadamente o de Corcoesto.

Texto da petición:


APOIO Á PETICIÓN DE QUE SE PROHIBA O USO DAS TECNOLOXÍAS MINEIRAS A BASE DE CIANURO EN GALICIA

Para garantir que a actividade mineira non comprometa o equilibrio e a dinámica dos ecosistemas e poña en perigo a biodiversidade e a saúde humana, cómpre previr e limitar o risco e os efectos nocivos de determinadas prácticas e técnicas mineiras. Tal é o caso das tecnoloxías de extracción do ouro empregando enormes cantidades de cianuro, unha sustancia química altamente tóxica, clasificada como un dos principais contaminantes no Anexo VIII da Directiva 2000/60, pola que se establece un marco comunitario en política de augas, e que pode ter un impacto catastrófico e irreversible na saúde humana, o medio ambiente e a diversidade biolóxica.

Nos últimos 25 anos, rexistráronse en todo o mundo máis de 30 accidentes importantes relacionados con verquidos de cianuro e non existe ningunha garantía real de que non volva producirse un accidente semellante, especialmente tendo en conta o incremento das condicións meteorolóxicas extremas, por exemplo, intensas e frecuentes precipitacións, tal como preve o Cuarto Informe de Avaliación do Grupo Intergubernamental de Expertos sobre o Cambio Climático. En outubro de 2000, a “Declaración de Berlín” xa alertou expresamente á poboación respecto aos problemas de seguridade que existen cando se emprega o cianuro nos procesos de extracción do ouro.

Considerando que existen tecnoloxías alternativas ao uso do cianuro na minería, o Parlamento Europeo acordou mediante resolución de 5 de maio de 2010 pedir á Comisión “a prohibición completa do uso das tecnoloxías mineiras a base de cianuro na Unión Europea antes de finais de 2011, xa que é a única forma segura de protexer os nosos recursos hídricos e ecosistemas da contaminación por cianuro procedente das actividades mineiras”. En resposta a esta demanda, algúns países da UE como Alemaña, Hungría e a República Checa xa incorporaron ás súas lexislacións a prohibición do uso do cianuro en minaría.

Por todo o cal,

1. Considero que o cumprimento dos obxectivos da UE en virtude da Directiva marco sobre política de augas, é dicir, conseguir un bo estado químico e protexer os recursos hídricos, así como a protección da diversidade biolóxica, só pode lograrse mediante a prohibición das tecnoloxías mineiras a base de cianuro;

2. Pido ao Goberno Galego que impoña unha prohibición total do uso de tecnoloxías mineiras a base de cianuro en Galicia antes de que finalice 2013, posto que é o único xeito seguro de protexer a saúde humana, os recursos hídricos e os ecosistemas fronte á contaminación por cianuro procedente das actividades mineiras.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Deixa aquí os teus datos para apoiar o manifesto.