Pedimos a Conselleira de Medio Rural que faga prevalecer os usos agrícolas, gandeiros e forestais sobre os mineiros

A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños vén de presentar un escrito asinado por dúas mil persoas dos concellos de Cabana de Bergantiños, Ponteceso e Coristanco, no que solicitan á Conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, que declare a prevaleza dos usos agrícolas, gandeiros e forestais actuais, xeradores de riqueza e sostibles a longo prazo, sobre os mineiros, e en consecuencia declare a incompatibilidade destes usos coa actividade mineira que se pretende desenvolver.
A mina de ouro de Corcoesto afecta a 700 hectáreas de superficie forestal de alta capacidade produtiva, suporá a eliminación total da funcionalidade do solo e provocará un dano irreversible que imposibilitará a recuperación da produtividade actual do monte, tal e como se acreditou con diversos informes técnicos ante a Dirección Xeral de Minas. Neste sentido, especialistas en recuperación de solos que realizaron informes para a Plataforma, indican que o plan de restauración presentado pola empresa e as propias medidas correctoras previstas na declaración de impacto ambiental, non son as adecuadas para a recuperación da funcionalidade do solo, e moito menos, permiten recuperar a súa capacidade produtiva actual.
No escrito tamén se incide no dano que sufrirá a Indicación Xeográfica Protexida “Pataca de Coristanco” así como outras iniciativas de agricultura ecolóxica que se desenvolven ao pé da mina. O po das voaduras, o fallo hídrico e outros impactos que non foron avaliados na declaración de impacto ambiental, eliminarían calquera posibilidade de desenvolvemento futuro da agricultura e da gandería, o que levaría ao peche de numerosas explotacións coa conseguinte destrución de emprego e éxodo da poboación; e todo isto, motivado pola implantación dunha explotación mineira cun horizonte de actividade de pouco máis de oito anos.
Por último trasládanlle á Conselleira que o custe social e ambiental da actividade mineira non compensa a aposta política por un proxecto que suporá un dano irreversible para a comarca, que ten unha duración finita, e que incumpre a Lei 13/2011, de política industrial de Galicia, tal e como puxo de manifesto o IGAPE nun informe recente. Por estas razóns piden ademais que no documento de avaliación ambiental estratéxica do futuro Plan de Actividades Extractivas de Galicia, se declare aos concellos de Cabana de Bergantiños, de Ponteceso e de Coristanco, en especial ás parroquias de Cereo, Corcoesto e Valenza, como áreas de especial protección agrícola, gandeira e forestal.
Nomeamento de novo director xeral de Mineira de Corcoesto.

O recente nomeamento de Francisco Arechaga, Presidente da Cámara Oficial Mineira como director xeral corporativo de Mineira de Corcoesto, supón para a Plataforma, un intento á desesperada por parte da empresa de lavar a súa imaxe para tratar de salvar un proxecto que conta cun forte rexeitamento social na comarca e en Galicia. Proba disto é que o nomeamento prodúcese nun momento crítico para a posta en marcha do proxecto, que na actualidade se atopa paralizado pola Xunta de Galicia pola falta de garantías técnicas, económicas e ambientais.

Para a Plataforma non é de recibo que o Presidente da Cámara Oficial Mineira, que é unha entidade de dereito público que se constitúe como un órgano consultivo da administración autonómica, tutelada pola Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia que tramita o proxecto mineiro de Corcoesto, poida ser compatibilizado co de director xeral da empresa que o impulsa. Canto menos é de dubidosa ética e moralidade e é unha proba máis dos escuros intereses e complicidades que se moven ao redor deste proxecto, que destacou ao longo da súa tramitación, pola total conivencia entre a Xunta de Galicia e a empresa mineira.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a favor do acceso á documentación