Carta aberta ao alcalde de Coristanco

O río Anllóns, en Verdes, Coristanco. Imaxe de elBúho

Carta ó Alcalde de Coristanco

Estimado Sr. Pensado.
Son unha veciña de Cereo, aínda que fai máis de vinte anos que non vivo alí. Creo que uns poucos menos dos que vostede leva gobernando o concello.
Recórdanme meus pais que unha das grandes cousas que vostede fixo, e da que toda a parroquia aínda lle segue moi agradecida, foi a traída da auga do manancial de Baralláns. Antes de entrar vostede no concello, tódolos veráns había problemas coa auga, conflitos entre os veciños e, a parte que a min máis me tocaba, moito traballo carrexando caldeiros de auga da fonte, costa arriba cara o Barreiro, para a casa e os animais. Eu tamén lle agradecín moito o seu logro.
Paradoxicamente, esa auga vai ser o primeiro que desapareza cando Mineira de Corcoesto-Edgewater teña o seu visto bo para operar. O manancial de Baralláns, do que miña nai fala como se describira o ceo “a auga sae dunhas pedras brancas que é unha marabilla velas”, vai ser destruído para meter a balsa de lodos. Si, cambiamos manancial de augas puras por lodos contaminados… está vostede seguro de que os da mina lle fixeron un bo “trato” ou faríanlle un bo “truco”? Sabe vostede como vai abastecer a parroquia de Cereo?. Con cisternas que subministren auga 2-3 horas ó día como fan nos pobos mineiros do Perú? Se xa ten esa información, non cree que os veciños, afectados directos, teñen dereito a coñecela? E, se non a ten aínda, non cree que sería importante saber como se vai suplir a falta do manancial antes de que o destrúan?.
Moitos dos veciños que hoxe seguen calados confían en vostede, deféndeno, porque non conciben, non se creen, non entenden que vostede non os vaia defender a eles, as súas terras, as súas casas, a súa saúde.
Cando lle conto a meu pai que vai haber 196 voaduras “tipo A” ó ano (saen 4 á semana) que cada unha arranca 37.800 m3 de material, perforando máis de 2 km e medio de barrenos en cada voadura, levantando unhas nubes de pó que poden chegar ata 50 km á redonda, sepultando colleitas, prados, hortas,… el, confuso, dime “pero, se iso é tan malo como dis, por que non nos defende o noso alcalde?”
Pódelle contestar vostede, Sr Pensado?
Un cordial saúdo,
Carmen Varela

Comentarios

  1. Pode que vos interese:
    http://qz.com/61896/gold-is-the-worst-investment-of-2013/
    Os expertos financeiros desaconsellan investir cartos en ouro.

    ResponderEliminar
  2. Este podería ser o futuro da mina de Corcoesto, se finalmente sae adiante o proxecto:
    http://www.lanacion.com.ar/1562632-se-va-del-pais-la-brasilena-vale-y-despide-a-6000-empleados-en-forma-inmediata
    No caso arxentino, a empresa e os medios están a decir que os problemas polos que Vale pecha a mina de potasio son de orde política e cambiaria. Pero hai máis, pois o prezo do potasio está á baixa e aínda que sexan certas, en parte, as excusas que esgrime Vale, o peche supón para a compañía a perda de máis 2.000 millóns de $...
    Cando unha multinacional mineira marcha non só deixa o territorio escachado.
    Sen dúbida, se saen adiante as extraciósn de ouro de Cabana, rematarán como o 90% dese tipo de "aventuras", pois forman parte da economía da especulación (aproveitar as boas cotizacións temporais dunha materia prima concreta) que da economía estable. Por riba, o ouro está á baixa.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Deixa aquí os teus datos para apoiar o manifesto.

Publicacións populares deste blog

Edgewater perde os dereitos mineiros de Corcoesto

O Parlamento Europeo prohibe o uso do cianuro nas tecnoloxías mineiras