Edgewater perde definitivamente as concesións de Corcoesto

  A empresa mineira canadense Edgewater perde definitivamente as concesións mineiras de Corcoesto.

O Tribunal Constitucional avala a modificación da lei da minaría de Galicia que determina a perda das concesións mineiras de Edgewater.

O tribunal Constitucional vén de avalar a modificación da lei de minaría de Galicia introducida polo artigo 84 da lei 12/2014, de medidas fiscais e administrativas, pola cal a denegación da autorización da explotación por calquera das causas legais, determinaría a caducidade dos dereitos mineiros. Esta modificación da lei afectaba de cheo á empresa mineira canadiense Edgewater, que pretendía explotar unha mina de ouro a ceo aberto en Corcoesto, no Concello de Cabana de Bergantiños, xa que o seu proxecto de explotación foi cancelado pola Xunta de Galicia en marzo de 2014, por falta de solvencia técnica e económica da empresa. Esta cancelación e a publicación posterior da modificación da leid a minaria de Galicia supoñía para Edgewater a perda definitiva das concesións mineiras Emilita, Ciudad de Landró e Ciudad de Masma, que afectaban aos concellos de Cabana de Bergantiños e de Ponteceso. 



No entanto, esta perda das concesións quedou no aire ao presentar o Goberno de España en setembro de 2015 un recurso de inconstitucionalidade contra o citado artigo 84, por considerar que invadía o seu ámbito competencial ao introducir causas de caducidade non contempladas na lei de minaría estatal, que data do ano 1973, e que para o Goberno estatal tiña o carácter de lei básica.

Agora o Tribunal Constitucional vén de fallar a favor da Comunidade Autónoma de Galicia, ao sinalar que o Estatuto de Autonomía de Galicia atribúelle a esta Comunidade, en materia mineira, a execución da lexislación do Estado, sinalando ademais que ese precepto da norma galega non fai máis que regular o conxunto de actuacións precisas para poñer en práctica a normativa estatal. O Constitucional declara por tanto a constitucionalidade da norma galega que establece a caducidade das concesións mineiras no caso de que un proxecto de explotación mineira sexa rexeitado cando se trate de concesións mineiras reguladas na disposición transitoria primeira da lei de minas estatal, é dicir aquelas que proveñan de antes de 1973.

Con esta sentencia a empresa canadense Edgewater perde definitivamente todos os dereitos que tiña sobre dos montes de Corcoesto, e imposibilita, para tranquilidade da veciñanza da comarca, que se poida presentar no futuro outro proxecto de explotación de ouro na zona.

Desde a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, felicitámonos por esta favorable sentencia, e instamos á Xunta de Galicia, a que en virtude do citado artigo 84, que incoe de inmediato o procedemento de caducidade dos dereitos mineiros e que proceda á cancelación definitiva da inscrición das concesións no Rexistro Mineiro de Galicia, tal e como solicitáramos por escrito no seu día despois da publicación da norma.

Pincha aquí para baixar a sentenza íntegra

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Carta aberta ao señor Franco Grande

Visto bo ambiental da Consellería de Infraestruturas