Visita a Megali Panagia

A pasada semana, persoas da Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, visitaron Megali Panagia, unha localidade de Halkidiki na Macedonia grega, moi próxima á mina de Skouries. Halkidiki, o terceiro destino turístico de Grecia, vese agora ameazado con este proxecto de 317 quilómetros cadrados de concesións mineiras que inclúen explotacións subterráneas, e a nova mina a ceo aberto en Skouries, que planea crear segundo á empresa un cráter de 700 metros de diámetro, mais que probablemente será moito máis grande. 
Esta mina contou desde o primeiro momento coa oposición da poboación poboación local, das organizacións ambientais e cos informes negativos de organizacións científicas independentes. Porén, esta oposición foi brutalmente reprimida e os informes científicos ignorados. Mentres tanto, producíronse diversos procesos tramposos e escuros de transmisión de dereitos mineiros, exencións ilegais de impostos, construcións de estradas privadas a cargo do estado, etc.

Neste momento, a empresa empezou xa a súa actividade en distintos puntos da zona, con utilización de explosivos e escavacións, construción de balsas e instalación da maquinaria que precisan para levar a cabo o seu proxecto. Está prevista a liberación de enormes cantidades de po cargado con produtos tóxicos (metais pesados, arsénico e cianuro) que, proxectados para o aire a 700 metros de altitude, inevitablemente van caer cara atrás en terras agrícolas e en aldeas veciñas. Coa construción dunha enorme balsa de lodos vaise poñer en perigo a maior reserva de auga da zona contida no Kakkavos, e en definitiva o futuro sustentable da rexión.

Os compañeiros e compañeiras de Megali Panagia acompañáronnos a ver a desfeita. Imposible non conmoverse ao ver o fermosísimo bosque virxe de faias e carballos con esas enormes feridas.

Imposible non sentir dor ao “meternos nos zapatos” desas persoas que levan xa 10 anos loitando e agora ven como unha empresa de fóra planea aniquilar o seu futuro destruíndo toda a zona cunha actividade tan perniciosa.

Impresionounos ver a cantidade de madeira talada e amontoada nas beiras dos camiños. Esa madeira, propiedade indiscutible da poboación da zona, pasou directamente a mans da empresa, que vai aumentar os seus ingresos ca súa venta.

Visitamos tamén o local onde se reúne o colectivo de oposición á mina, e participamos nun programa da súa radio, intercambiando impresións acerca de como se levou a cabo a loita nun lugar e no outro.

As persoas que se opoñen á mina en Megali Panagia informáronnos de que é agora precisamente, cando goberna Siryza, partido que abandeirou a loita contra a mina de Halkidiki, cando a súa loita está a verse máis comprometida e o proxecto mineiro está a avanzar máis a correr. Consideraron un grande erro delegar a loita nas organizacións políticas, e consideran que o importante é manter a loita continuada e directa do pobo.

Desde a Plataforma pola Defensa de Corcoesto, agora con máis forza que nunca, queremos expresar a nosa solidariedade coa loita do pobo grego contra o extractivismo, e moi en particular cos compañeiros e compañeiras de Megali Panagia e coa súa dor polo que alí está sucedendo.

 Podes ver máis imaxes aquí

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Carta aberta ao señor Franco Grande

Visto bo ambiental da Consellería de Infraestruturas