III Milladoiro por Corcoesto
Os milladoiros eran cheas de pedras colocadas ao pé dalgúns camiños ou
cruces de camiños. En moitos lugares existía a tradición de que cando un
camiñante pasaba por un determinado lugar, debía botar unha pedra máis á chea,
de modo que co paso dos séculos, algúns milladoiros son dunha altura
considerable, e formados por miles e miles de pedras.
Está moi estendida a opinión de que podería ser unha cristianización dun
culto prerromano ás divindades dos camiños das que fala Estrabón, e que se
mantivo con forza en época romana grazas ao sincretismo cos deuses
viarios.
Na loita contra a mina de Corcoesto, en Xuño de 2013 fíxose un acto lúdico
cultural na Carballeira de Santa Mariña (Corcoesto) que rematou co levantamento
dun MILLADOIRO multicolor, a barbarie pro mina destruíuno aos poucos días. No ano
2014 outra vez a veciñanza da comarca levantou de novo outro MILLADOIRO, que
igualmente foi destruido aos poucos días pola barbarie pro mineira.
Estes feitos leváronnos a establecer no primeiro sábado de Xuño de cada
ano, un reencontro veciñal e de amigos e amigas que sirva para manter en pé a
loita contra a mina de Corcoesto, reconstruír o MILLADOIRO e sexa tamén
un día de lecer e de reivindicación colectiva.
Convidámosvos a participar con nós na xornada festiva que se celebrará o vindeiro sábado, a partir das 13:30 da mañá, na Carballeira de Santa Mariña de Corcoesto.
Comentarios
Publicar un comentario
Deixa aquí os teus datos para apoiar o manifesto.