O Plan Xeral de Ordenación Municipal de Cabana de Bergantiños inclúe o proxecto mineiro de Corcoesto


A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños presentará alegacións ao PXOM de Cabana.

  • Advirte ao alcalde José Muiño que non vai consentir que se utilice o planeamento urbanístico para beneficiar á empresa mineira.
  • A reserva de solo no novo PXOM para o proxecto mineiro de Corcoesto é unha burla á poboación de Cabana.


Nos próximos días estudiaremos o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Cabana de Bergantiños cuxa aprobación inicial está a exposición pública durante o prazo dun mes, e presentararemos alegacións para defender o nivel de protección que teñen os montes de Corcoesto na actualidade, de solo rústico de especial protección forestal.

Dende a plataforma advetimos a José Muiño que non vamos consentir que a través do planeamento se actúe en contra dos intereses xerais dos veciños para favorecer a unha empresa mineira canadense, xa que coa cualificación urbanística que se contempla no documento de aprobación inicial, está facilitándolle a obtención de solo para levar adiante un proxecto mineiro que conta coa oposición total dos propietarios dos montes afectados e da maioría da poboación da Comarca de Bergantiños.

Con esta manobra, o alcalde de Cabana deixa ás claras unha vez máis que está ao servizo da empresa mineira e que actúa con evidente mala fe contra os intereses dos veciños, a pesar de ser consciente de que o proxecto mineiro non ten ningunha posibilidade de prosperar no futuro. Para nos, o feito de que no documento de revisión do PXOM se contemple un proxecto que foi rexeitado pola Xunta de Galicia, que conta cunha gran oposición social na Comarca e en Galicia, non pode ter outra lectura máis ca de que non comprende a realidade que o rodea ou simplemente pretende burlarse da cidadanía e dos seus votantes.

Para nos resulta manifestamente ilegal a cualificación “de sistema xeral” prevista no novo documento para o monte de Corcoesto, cando esta cualificación, segundo o artigo 165 da Lei de Ordenación Urbanística de Galicia, está reservada para “terreos dotacionais públicos que están deseñados ou previstos para o servizo da totalidade do municipio e, en especial, para implanta-las infraestruturas básicas do modelo de cidade”.

Resulta evidente que unha mina non cumpre cos obxectivos do solo que merece este tipo de cualificación, polo que se está retorcendo a normativa para favorecer a unha empresa mineira Canadense.

Na seguinte ligazón podedes consultar o plan Xeral mencionado:  Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Cabana de Bergantiños


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Carta aberta ao señor Franco Grande

Visto bo ambiental da Consellería de Infraestruturas