Solicitamos ó Parlamento Europeo que revise a Declaración de Impacto Ambiental.


  •   Remítelle á Comisión de Peticións do Parlamento Europeo o informe científico da USC sobre o Arsénico.
  •       O informe elaborado polos profesores da USC Dr. David A. Rubinos, Dr. Rosa Devesa-Rey, Dr. Francisco Díaz-Fierros e a Dr. María Teresa Barral, invalida a Declaración de Impacto Ambiental.  
  •       Máis de 100.000 persoas quedarían expostas ao arsénico, un elemento altamente canceríxeno


A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños vén de presentar á Comisión de Peticións do Parlamento Europeo o informe científico elaborado polos profesores da Universidade de Santiago Dr. David A. Rubinos, Dr. Rosa Devesa-Rey, Dr. Francisco Díaz-Fierros e a Dr. María Teresa Barral, que bota por terra o Estudo de Impacto Ambiental realizado pola empresa mineira sobre o proxecto de Corcoesto, e que, en consecuencia, supón a nulidade da Declaración de Impacto Ambiental que lle outorgou a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

No informe científico ponse de manifesto que o método empregado por Edgewater para calcular os vertidos de arsénico ao río Anllóns non é válido nin é un método de referencia en Europa, xa que subestima a mobilidade real do arsénico presente nas rochas de Corcoesto e o seu impacto sobre a saúde dos veciños da contorna e sobre a ría de Corme e Laxe. Neste sentido o informe sinala que o método empregado pola empresa mineira é “claramente INSUFICIENTE e non debería ser aceptado considerando os riscos potenciais para o medioambiente e a saúde pública por exposición ao arsénico”. Entre os riscos para a saúde, no informe cítanse abundantes referencias bibliográficas que describen os graves efectos da exposición ao arsénico por actividades mineiras, como son o aumento de mortalidade por cáncer de pulmón, estómago e tracto respiratorio, entre outros efectos nocivos. Por este motivo e como consecuencia de que o po das voaduras para o arranque do material pode alcanzar un radio de máis de 30 km, máis de 100.000 persoas poden verse afectadas directamente polo arsénico.

Por outra banda, os investigadores cuestionan de cheo a clasificación dos residuos mineiros, cuestión esta que xa foi denunciada pola Plataforma en reiteradas ocasións. A empresa mineira clasifica os residuos de lixiviación como “inertes non perigosos” mentres que os investigadores da Universidade de Santiago de Compostela sinalan que esta clasificación non é correcta. Esta intencionada e incorrecta clasificación de residuos realizada pola empresa en conivencia coa Xunta de Galicia, vulnera a Directiva Comunitaria 2006/21/CE, e ten por obxecto evitar o cumprimento dunha serie de requisitos moi estritos no que se refire aos aspectos relativos á política de prevención de accidentes graves que se debe aplicar na xestión dos residuos de extracción. Pretende evitar tamén, a instauración dun sistema de xestión de seguridade e a posta en práctica dun plan de emerxencia interior no que se especifiquen as medidas que se deben tomar no caso de que acontezan este tipo de accidentes. Por outra banda, a Xunta de Galicia, estaría obrigada a elaborar un plan de emerxencia exterior que debe ser comunicado, xunto con un protocolo de actuación, á poboación afectada no caso de que ocorran accidentes graves.


En definitiva, a Declaración de Impacto Ambiental non se sostén, xa que as medidas correctoras quedan invalidadas por non terse avaliado axeitadamente os impactos do proxecto sobre a saúde da poboación e sobre o medio natural. En consecuencia, a Plataforma Pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños solicita ao Parlamento Europeo que proceda á revisión da Declaración de impacto ambiental por vulnerar a normativa europea en materia de avaliación ambiental de proxectos, e que se proceda á realización dos estudios epidemiolóxicos recomendados no informe científico a poboación da contorna.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a favor do acceso á documentación